logoGrupoCorreoSalvador Puig Antich 12.09.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Salvador Puig Antich volve ser noticia polo filme de Manel Huerga que proximamente se estreará en Barcelona e que a familia anarquista incide en varias controversias. Nesta caso eu abstéñome de opinar sen primeiro ver o filme. Estamos falando dunha persoa e activista delicada e sensíbel no momento de falar dela. Servidor, coñeceu persoalmente a Salvador Puig Antich que mo presentou no meu antigo departamento de Torre Dulach, en maio de 1973, o meu grande amigo e anarquista, Ricard de Vargas-Golarons. Ricard era -naquel entón- un intelectual que sabía varios idiomas e entre eles o portugués e estaba a estudar o galego e era unha persoa integrada na prensa anarquista na clandestinidade. O idioma galego foi capaz de facernos bos amigos por encima de que el fora anarquista e eu marxista. Até o punto de que cando eu fun despedido en abril de 1973 de SEAT, acusado de parar o taller 7, nunha das folgas máis célebres da empresa automobilista, o Vargas levou ao mitin do 1º de Maio a Sant Cugat un grupo de ácratas naquela manifestación clandestina no Vallés Occidental, que deu moito que falar.

Aos poucos días daquel evento presentouse Vargas-Golarons cun amigo que mo presentou cun nome de guerra e os dous viñan cear ao meu departamento. O amigo viña suando e sorprendeume que ao sacar a chaqueta debaixo do sobaco esquerdo traía unha pistola, sacou a funda e puxémonos a falar, eu estaba intranquilo de ter unha arma dentro da miña casa. Este visitante era Salvador Puig Antich. El sabía por medio de Vargas da miña ideoloxía marxista e do meu compromiso de loita co nacionalismo galego. Estes dous factores asumiunos e respectounos durante a conversa. Sorprendeume que un anarquista catalán -á marxe do nacionalismo- non entrase en confrontación comigo polo meu imperativo marxista. Falamos do guevarismo e da loita armada e do compromiso en concienciar á clase obreira en loitas abertas contra a ditadura. Marabilloume o seu ecumenismo no intento de abrir portas por enriba de mimetismos e ortodoxias que desintegraban e creaban insidias. Ao final da cea puxo por enriba da mesa doce mil pesetas de apoio á folga e dado que eu estaba despedido, negueime rotundamente a collelas, alegando que os comités de loita eran os encargados de subministrarlles a cobertura necesaria aos despedidos.

Despois deste primeiro encontro sucederon outros catro máis nun período de tempo curto, do que ía desde maio a agosto. Dúas das veces atopámonos no Drugstore que había na Plaça Lesseps, esquina Príncipe de Asturias. Estrañoume que indo armado escollera sentar en plena rúa e non en espazos máis reservados. Os espazos abertos realmente eran menos vulnerábeis en caso dun tiroteo, este era a teoría que mantiña o guerrilleiro brasileiro, Carlos Marighela e que el coñecía. Nesta ocasión, falamos moito da Galiza sen liberdades e dos galegos na emigración e da necesidade de ampliar a información dese asoballo a tódolos galegos por enriba de calquera ideoloxía. Outras dúas reunións mantivémolas na estación do Metro de Camp de l"Arpa, tamén nunha terraza dun bar e colocándose de costas á parede. Foi unha conversa profundamente humanista na que me impresionou o seu sentimento e talante de cara aos que loitaban pola liberdade individual e colectiva da clase obreira e de Catalunya. Notei en Salvador unha ética nobre e decente de estar por enriba de envexas expresamente partidistas.

Estando eu en Ourense, en se- tembro de 1973, de viaxe a Barcelona, lin a noticia dunha algarada nesta cidade cun policía morto. Alí poñían a fotografía do "delincuente", impresionoume ver o meu amigo. Desde o momento tomei medidas e fun dereito a unha casa clandestina até que demos co Vargas que nos dixo que era imposible que Puig Antich falase nada dado que lle deran varios tiros na mandíbula. Aquel proceso escurantista e vingativo tivo como desenlace a morte a garrote vil o 2 de marzo de 1974 daquel mozo de vinte e cinco anos que loitou até as últimas consecuencias pola liberdade de todos. Puig Antich é un estimábel referente para non perder a memoria colectiva.

martes, 12-09-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía