logoGrupoCorreo¡Espertemos! Naceu a escuridade - 26.09.2006

Xosé Lois García

Este titular é un verso do poeta iraquí Badr Shakir al-Sayyab (1926-1974) que non deixa de ser unha premonición dos acontecementos que está vivindo Iraq despois da invasión ianqui que levou esta antiquísima nación á destrución de vidas e de culturas. Esa é a información cotiá que nos serven os medios informativos do in crescendo de asasinatos colectivos e doutras tipoloxías violentas que os invasores practican sen rubor. É curioso que os poetas árabes sempre tiveron ese sexto sentido "profético" de anunciar futurismos que con frecuencia aconteceron nos seus diversos contextos. A poesía iraquí, unha das expresións máis fértiles do mundo árabe, está contextualizada nese don de preocuparse, socioloxicamente, polos extremos máis candentes polos que pasou a súa sociedade. Neses versos de belixerancia esprémense advertencias moi serias que aconteceron e acontecen en Iraq. Non estamos falando dunha poesía visionaria, catastrofista ou apocalíptica, estamos verificando o compromiso social dos poetas co propio pobo. O malogrado Badr Shakir al-Sayyab, no seu diván: O Canto da Choiva (1960) plasma os seus presentimentos, que actualmente acontecen, nestes termos: "Os invasores penetran no teu val, escóndense,/ a terra sangra cos seus mortos, florece,/ apréixate a morte en intres tráxicos,/ branca, así perecen animais e árbores./ ¡Coidado! A violencia da morte móstrache/ o sabor do sangue que bebe a humanidade,/ un pacto ocultou a confrontación duns/ cos seus semellantes mentres os ollos miraban expectantes/ até que ao ver o final e atopar imaxes repugnantes,/ comprendiches que calquera vitoria era só vitoria,/ comprendiches que redime a maioría das vítimas/ que son moitas no ser máis pequeno que se sacrifica".

Estes versos de Al-Sayyab teñen unha innegábel interrelación co sangue e co fogo que diariamente son tráxica realidade que aparecen nos informativos como elemento directo desa crueldade e destrución que soporta Iraq. Mais o poeta troca de dimensión e visiona a resistencia popular fronte ao invasor, con estes interrogantes: "¿Quen se apodera no seu corazón dos tempos sementándoos/ de froitos que desafían a morte?". Mais Al-Sayyab fixo de inmediato unha inversión dos feitos e chamou, desde a resistencia popular, a recobrar os destinos de Iraq nun tempo de crises. Mais a súa teima foi a de ollar o futuro e predicir as convulsións actuais e multiplicar as consignas nestes versos: "¡Nación que fas destinos co teu sangue,/ non desesperes! O poderoso Sayf ad-Dawla/ concedeulle un selo a cada vitoria túa./ Regáronse e humedecéronse aleyas e azoras/ nunha mesquita onde un peregrino dirixe a súa nación,/ chea de fieis, até as pedras claman: Deus é o máis grande".

A poesía de Badr Shakir al-Sayyab ten o seu asentamento orixinal na realidade existencial que lle tocou vivir na aldea de Yaykur, ao sur de Iraq, onde compartiu as condicións máis deprimentes do medio rural. Foi aquí onde o seu microcosmos activou os seus desexos de liberdade para cumprir unha misión importante, por medio da súa poesía contra a ocupación británica e o enunciado da futura ocupación norteamericana. Este poeta foi un dirixente estudantil moi precoz e afiliado ao Partido Comunista de Iraq, modelo soviético, que era unha das opcións que a xuventude árabe tiña como guía para lle facer fronte á explotación das nacións árabes por Occidente. Mais esta corrente partidista que Al-Sayyab practicou tiña unha dose nacionalista situada no Panarabismo que protagonizou Gamal Abdel Nasser.

Todas estas correntes foron as que modelaron o Partido Árabe Socialista Baath implantado en Siria e Iraq e que neste último país se foi metamorfoseando cara á ditadura de Sadam Husein. Mais Badr Shakir al-Sayyab afrontou a realidade social observada desde a súa perspectiva de militante comunista (modelo soviético) e islamista, enfocando o problema desde un compromiso que tiñan asumido os poetas do mundo árabe que captaron os acontecementos presentes e, tamén, prediciron os máis complexos problemas e sobresaltos do futuro (o actual presente).

martes, 26-09-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía