logoGrupoCorreoNovoneyra e María Mariño - 31.10.2006

Xosé Lois García

O Courel engrandecido na literatura galega débese a tres ilustres escritores, Ánxel Fole, Uxío Novoneira e María Mariño. En 1953, Fole publica Á lus do candil", o primeiro capítulo titúlao: "Terra do Caurel", no que revela os apoteóticos atributos telúricos e panteístas nos que os caureláns desenvolveron a súa cultura orixinaria. Neste capítulo está presente unha grande parte das expresións culturais e existenciais deste microcosmos.

Fole, en curtas pinceladas, deixou escrito: "Terra de Caurel, aspra e forte, de inxente beleza... Terra brava de lobos e aguias; terra outa de fragas e devesas". Podía ser este texto un grande poema, unha premonición de Os Eidos (1955) de Uxío Novoneyra, ou simplemente un pretexto inxente para que o Caurel teña un apousento nas letras galegas.

O que nos ocupa aquí é que hoxe hai sete anos que sepultamos no cemiterio de Lugo a Uxío Novoneyra. Un non pode deixar atrás aos "bos e xenerosos" que, en loita nada silenciosa, fundamentaron memoria viva desa porción de terra maxestática que no caso de Uxío é ben aclamada e respectada.

O Courel de Os Eidos e das Elexías do Courel, e outras referencias a este espazo, consolidan unha literatura fértil e utilitaria para moitos coñecementos e mesteres. Así é que Uxío Novoneyra foi o perceptor desa terra montesía que fala valéndose del. Sen o poeta de Parada os conceptos deste ente xeográfico, antropolóxico e etnolóxico serían precarios e, talvez, a entidade do Courel estaría mais diluída.

As letras galegas do vindeiro ano están dedicadas a María Mariño que, sen ser nativa do Courel, os seus poemas zumegan a esa terra na que ela viviu e finou. Imaxino a emoción de Uxío que sentiría por ver que o Día das Letras Galegas 2007 están dedicadas a María Mariño, unha poeta á que el lle descubriu ese cosmos tan secreto e particular que só os coureláns entenden e descodifican.

Todos sabemos que sen Novoneyra, María Mariño sería unha poeta sen a transcendencia que ten, dado que ela acompañou o seu marido, mestre da escola de Parada e situada diante mesmo da casa da Fonte, propiedade de Uxío.

Para ninguén é un segredo a promoción dunha gran poeta aínda sen perfil e identidade que tanto o Courel como Uxío ubicaron a carón dunha realidade tan particular. Sen esa veciñanza de María Mariño e o seu marido con Uxío Novoneyra non sería posíbel rescatar a unha poeta das dimensións de María Mariño como poeta en lingua galega. Palabra no tempo e Verba que comeza son dous libros nos que se refuta a súa renuncia como poeta en castelán.

Isto foi posíbel grazas a Novoneyra. Moitos cuestionaron a calidade destes dous libros, quizais por que nunca entenderon o silencio transcendido dese cosmos chamado Caurel.

Uxío contoume moitos detalles do embrión destes dous libros de Mariño, e como ela asumiu a cosmicidade tan equilibrada dese medio. Tamén me falou das envexas e suspicacias que fomentaron estes títulos. Algo que eu nunca vou contar porque el non o contou en vida.

María Mariño, aínda que naceu en Noia foi poeta dese Courel que se lle revelou, e no cemiterio da capital do concello, Seoane, fica enterrada e alí debe permanecer. A súa tumba debe ser arranxada, e deben ser as autoridades municipais as que fagan ese esforzo. Se o seu marido quixo que o seu repouso fora no Courel e non en Noia debe respectarse. Igual terra galega son as montañas do Courel que a Noia mariñeira.

O 2007, ano de María Mariño, falarase moito do Courel e de Novoneyra, isto débenos levar aos amigos e aos que conectan coa grande obra de Uxío para reivindicar ante a Real Academia da Lingua Galega que o 2010, cando xa se teñan cumprido os dez anos do seu pasamento, as letras galegas estean dedicadas ao grande prócer da literatura galega contemporánea.

martes, 31-10-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía