logoGrupoCorreoLectura postelectoral desde Cataluña - 07.11.2006

Xosé Lois García

Xorden diversas lecturas postelectorais nun país normalizado en varios ambientes da vida política que mostra a súa faciana dunha maneira bastante clara no ventallo de forzas políticas e do desprazamento de vontade e de votos. Non é preciso lembrar os resultados das eleccións autonómicas catalás, mais si facer unha lectura desde outro ángulo e perspectiva dunha maneira coidadosa e un tanto persoal ao interpretar os resultados e, tamén, os supostos dun novo goberno da Generalitat.

Convén dicir que o pospujolismo de Artur Mas non avanza, pese a subir minimamente en votos e escanos, dunha maneira tímida. Isto implica que a mensaxe da democracia cristiá converxente non chega á cidadanía e, polo tanto, a falta dun pensamento socialdemócrata que atraia o electorado de clase media fai que CiU estea no estado máis puro e estático da burguesía catalá. CiU levou a cabo unha campaña sen compromiso co benestar da cidadanía, a súa mensaxe foi a de incidir na política de Madrid e facer grandes cousas sempre en abstracta elocuencia.

Nestas contradicións será imposible ter un bipartito entre CiU e PSC. Isto iría en detrimento deste último partido e provocaría maior abstención que vén dada de fracasos sociais comprometidos coa cidadanía. Digamos que o desgaste apoteótico do PSC evidencia varios extremos dun desgaste que a santa compaña entre CiU e PP levaron a cabo durante o consabido aprazamento do Estatut, durante tres anos para desgastar ao tripartito, este foi un logro da dereita que conseguiu cunha ERC desmarcada e en desavinzas con Pasqual Maragall que levou a este a adiantar as eleccións. Por iso, os electores máis críticos do PSC trocaron de instancias e tres escanos foron parar a ICVerds e dous a Ciutadans, a esta nova instancia quizais foi a parar o voto máis desilusionado e menos politizado do clientelismo do PSC. Os dous que perdeu ERC aproveitounos CiU, o voto natural do nacionalismo que provén do descontento coas contradicións de ERC nas súas últimas andadas sobre a elaboración do Estatut e de pedir o voto contrario no referendo.

O desprazamento dun escano do PP cara a Ciutadans é tamén evidente. Digamos que o PP de Cataluña é ­unha forza marxinal, estática, que ten un voto fixo e que non inflúe para nada na gobernabilidade de Cataluña. Disto son moi conscientes os seus dirixentes, tanto en Madrid como en Barcelona. Cando Jiménez Losantos bunquerizado na Cope instigou contra Piqué e en favor de Citadans, ese amoado entre xente aznarista de FAES, filoanarquistas e outros extremos da dereita, foron capaces de rabuñarlle un escano ao PP e introducir en Cataluña unha mensaxe de confrontación e resentimento un tanto inusual na vida política catalá. Aínda que isto non é novo tendo en conta os de- saforos e os desaliños do propio PP en Cataluña.

Dada a nova correlación de forzas para a formación do goberno da Generalitat, xa está descartado un ententé entre PSC e CiU, dado que os socialistas cataláns saben moi ben que Cataluña e Alemaña non son contextos políticos parecidos nin os converxentes e os socialistas teñen intereses diverxentes e postulados ben diferenciadores. Mais o problema reside nunha ERC que busca máis intereses partidistas que compracer á cidadanía. Digamos que Esquerra Republicana non sabe evitar a vendeta de quen dá máis. Así é que o cidadán espalla o dito: "ERC non se sabe se é carne ou se é peixe".

Podemos estar de acordo ou non co seu nacionalismo, mais coa súa postura de clase non se percibe moito o seu esquerdismo. Aquí está o dilema para conformar un segundo tripartito, despois das improvisacións e desaforos que aportou ERC. Aquí é onde residen os medos do PSC en que ERC repita as incomposturas da última lexislatura e cómpre que se defina como carne ou como peixe.

martes, 07-11-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía