logoGrupoCorreoNo bicentenario de Pascual Madoz Martes 14.11.2006

Xosé Lois García

O bicentenario de Pascual Madoz (Pamplona, 17 de maio de 1806-Xénova, 13 de decembro de 1870) pasa bastante desapercibido ante os medios de comunicación. Un pregúntase con preocupación: ¿como un home da estirpe liberal e da dimensión política e cultural, naquela España negra e goiesca, como foi Pascual Madoz e que se lle esqueza?

Lembrar a acusada personalidade dese navarro cuxas orixes proveñen dunha familia radicada na pobreza que, por un deses milagres das circunstancias, chegou ao seminario de Barbastro e mais tarde á Universidade de Zaragoza. Con dezasete anos (1823) defendeu a democracia liberal fronte aos conservadores monárquicos de Fernando VII, con fusil na mao en Monzón e Zaragoza, foi preso polos "Cien Mil Hijos de San Luis". En 1830 exiliouse en Francia regresando a España e acolléndose a unha amnistía dada pola rexente María Cristina. Fixa a súa residencia en Barcelona e en 1834 licénciase en Dereito e pasa a exercer a avogacía e a incrementar o seu compromiso político coa radicalidade liberal.

En Barcelona é onde Madoz amplía e espalla todo o seu ideario e fomenta un plan para potenciar temas sobre "Estadística en España", relacionado co territorio, poboación, agricultura, industria, comercio, navegación, etc., que viña ser un instrumento necesario que os franceses xa anticiparan por medio de Alex Moreau Jonnes. Este enorme e necesario tratado que titulou: Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España, comunmente coñecido como Diccionario Madoz, comezouno en Barcelona en 1835 e publicou dezaseis volumes en Madrid de 1845 a 1850.

Estamos falando dun dos cometidos mais interesantes naquela convulsiva España do XIX, onde se concretan unha serie de revelacións sobre os diversos espazos produtivos do territorio español. Os famosos madozitos eran centos de folios que determinaban comunidades, provincias, concellos e parroquias. En cada un destes espazos Madoz puxo a investigar a centos de persoas sobre a produción e o organigrama social de cada un destes entes. Neste caso, Galiza está sumamente revelada en todas as súas entidades parroquiais das que se describe unha serie de información tan necesaria, hoxe en día, para indagar as diversas frecuencias da Galiza rural e dos seus medios de produción agrícola e outros símiles. Desde logo, que é un verdadeiro pracer de lectura introducirnos no Diccionario Madoz para saborear esas descricións da nosa xeografía e dos compoñentes demográficos que a conforman.

Retomando as actividades de Pascual Madoz en Cataluña, observamos como o xuíz e gobernador de Vall d"Aran, que se converteu en vencedor daquelas poderosas partidas carlistas e do fanático integrismo católico que predominaba neste territorio pirenaico e foi un dos primeiros en recoñecer a comunidade lingüística e histórica dos araneses.

A provincia de Lleida lévao ao Parlamento español como representante seu. En Madrid desenvolve diversas actividades políticas e culturais que iniciara en Barcelona. En 1854 regresa a Barcelona como gobernador civil para coordinar unha serie de medidas contra o avance do cólera. As medidas sanitarias e solúbeis foron determinantes para que a peste remitira

En 1855 foi levado a Madrid como ministro de Facenda e neste mesmo ano presentou un proxecto de lei sobre a Desamortización que superaba a de Mendizábal, dado que esta tiña diversas carencias onde o clero salvaba boa parte de seus patrimonio tradicional. Madoz foi branco da xerarquía católica conservadora mais el triunfou nos seus postulados durante o Bienio Progresista. Foi tamén un activo combatente contra as ditaduras de Espartero e Narváez. En 1955 dirixiu os milicianos nacionais mais a súa resistencia foi vencida e tivo que exiliarse.

martes, 14-11-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía