logoGrupoCorreoContribución ao problema da vivenda - 21.11.2006

Xosé Lois García

O 3 de xullo de 1872, Frederic Engels publica no xornal Volsksstaat cinco entregas do que será máis tarde o seu libro: Contribución ao problema da vivenda. Esta data colócanos mesmo nos acontecementos da Comuna de París, onde os debates revolucionarios, por parte da clase traballadora, facían referencia a ­unha gama de problemáticas e entre elas estaba a vivenda. A especulación do solo nas grandes cidades, cidades ficticias ou de circunstancias para albergar a centos de miles de obreiros, o que hoxe chamamos cidades dormitorio, confirma que o problema actual da vivenda non é nada novo. Nese período histórico e revolucionario do século XIX, había tres interpretacións enfrontadas sobre esta problemática, a marxista liderada por Frederic Engels, a anarquista de Proudhon e a pequena burguesa do austríaco Dr. Emil Sax. Proudhon propoñía que os obreiros inquilinos se converteran en censatarios e que o prezo do alugueiro anual servira como parte de pago do valor do hábitat e que, a longo prazo, o inquilino se convertese en propietario.

A proposta de Sax radicaba que a economía social debía resolverse desde a economía estatal, aplicada a cuestións sociais. As teses de Engels, naturalmente, tiñan outra canle desde a observación dunha clase proletaria emancipada e ceibe de especulacións e de intereses emanados dunha "burguesía" amparada polo poder capitalista que hoxe serían os chamados "novos ricos" ou o degradado consorcio do pelotazo.

Engels, na súa Contribución ao problema da vivenda, resalta metodicamente unha análise pragmática que el elaborou partindo de diversos espazos proletarios e de comportamentos capitalistas amparados polo estado burgués. Así resaltou o Problema: "Un grande exército de reserva de obreiros desocupados fica na rúa, acumulando grandes masas de obreiros sen traballo; onde os traballadores se amontoan nas grandes cidades e, de feito, moito máis de présa do que se edifica para eles, de sorte que poden atopar arrendatarios que dispoñen de infectos cortellos e que a lei os ampara a esixir sen consideración o alugueiro máis elevado".

Engels encara o problema da vivenda como un dos elementos máis destacados da desproporcionada especulación que leva a tantos construtores a concibir vivendas en suburbios ou guetos onde a clase traballadora carece de servizos de transporte, de ensino e cultura que sexa capaz de integralos racionalmente nunha xusta posición que a emancipe. Se damos unha virada de ollo aos barrios que circundan ­unha gran cidade, os chamados cintos industriais ou se esculcamos os xornais, comprensiblemente, estaremos albiscando os problemas da vivenda do século XIX e que Engels menciona no seu libro referencias que ilustran notablemente as circunstancias da problemática da vivenda actual. Dado que as carencias da vivenda avivan esa especulación capaz de converterse en monstro e en mafia de feroz ramificación tan incrustada en varios ambientes políticos como poden ser varios concellos que teñen relación directa co tema do solo.

O caso Malaia está precipitando outros casos nos que a sociedade toma conciencia e propón o destape de especulacións urbanísticas en Nigrán (Pontevedra) ou Barreiro (Lugo), por citar só dous referentes dos que tanto abundan en Galiza e que veñen sumarse a tantas que hai no Estado español. Sen dúbida, o problema da vivenda é un problema de Estado.

Un problema que ten que ser tratado con urxencia, dado que o tema de igualdade, de dereitos individuais e de xustiza social fica completamente esquecido. O Estado sabe moi ben que a especulación e as mafias sobre o solo se parecen a un polbo cuxos tentáculos e ventosas teñen un poder asoballador no círculo no que predominan. Como dicía Lumumba: "Ao polbo opresivo hai que descabezalo".

martes, 21-11-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía