logoGrupoCorreoNo centenario de Maruxa Villanueva - 12.12.2006

Xosé Lois García

Maruxa Villanueva (1906-1998), sempre personificou ese carácter afable, rexo e portentoso. Nunha palabra, creativo. Parece ser que o noso país é bastante esquecedizo en lembrar e loar persoas con atributos como os de Maruxa Villanueva. O seu labor, frecuentemente silencioso, foi positivo en moi variadas actuacións. Maruxa soubo ser ela, e non o que esixían que fora en función dos outros. Velaí o impacto que nos deixou esta muller dunha conduta singular, práctica e nada dada a fachendear co que ela realizaba. Allea á ostentación forneceu unha personalidade segura, desas que abren fendas e esclarecen horizontes.

A vida de Maruxa Villanueva non foi fácil se a observamos como emigrante que chega a Arxentina en 1926, en plena ditadura de Primo de Rivera. Deixaba aquela Galiza esperpéntica do medio rural de Carballedo. Unha nova Galiza tiña que inventar en Buenos Aires, as raíces galegas de Maruxa floreceron na nova terra de acollida. Os emigrantes galegos, é verdade, xa tiñan múltiples infraestruturas que alentaban a unha Galiza de plenitudes. Maruxa incorporouse aos galegos que facían patria e cultura e co seu traballo resolveu potenciar ese don que descubriu na súa voz e foi unha das sopranos de sona naquela época. Máis tarde destacou no teatro e os bonaerenses recoñeceron nela unha actriz de fortes dotes artísticos. O estradense Daniel Varela Buxán -o que sería o seu marido até 1958- un home de teatro, forneceu a escenografía galega na diáspora integrando a coñecida actriz e creando con ela a Compañía Gallega de Comedias Marujita Villa- nueva. Unha compañía que puxo en escena Os vellos non deben namorarse de Castelao (1941), dirixida por Varela Buxán e na que participou Villanueva.

A súa galeguidade púxoa ao servizo, no período da Guerra Civil, do Goberno da II República. Fiel á causa republicana activou varios foros de reencontro cos galegos democráticos fronte aos totalitarios do franquismo, na capital arxentina. Igualmente, foi unha das persoas que máis acomodo lles prestou aos exiliados e mantivo unha profunda amizade cos nosos intelectuais antifranquistas. Unha devoción especial sentía por Castelao, o guieiro de tantos espíritos que aspiraban a ser ceibes e que os atraía con emoción ao camiño certo para engrandecer Galiza.

Maruxa Villanueva regresou a Galiza en 1962 e comeza outra andaina ben diferente á da súa profesión, pórse á fronte do Padroado Rosalía de Castro, en Padrón. Na casa museo da Matanza coñecina en 1973 dunha maneira impresionante. Púxose alporizada cun coruñés que lle falaba en castelán. A Maruxa remoíalle a conciencia cando os galegos pisaban aquel lugar, sacralizado por ela, e ignoraban a súa lingua, era como unha ofensa á propia Rosalía. Fustrigaba con esa decencia que a caracterizaba e iso fíxome abrir un diálogo frutífero que durou anos. Comentoume que era do municipio de Carballedo, a dez quilómetros de Chantada, isto dimensionou o achegamento. Dise constantemente que Maruxa Villanueva naceu na Barrela, capital co Concello de Carballedo. A Barrela é un lugar que pertence á parroquia de Santiago de Lousada. A súa casa natal está preto da igrexa románica de Lousada e non na Barrela. No interior deste templo hai un sartego gótico, cuxo epitafio poético reza así: "Aquí jaz Vasco Fernández de Temes, pequeno de corpo e grande de esforzo, boo de rogar e mao de forzar".

O caracter afábel e comunicante de Maruxa pertence ao daquela rexa e nobre estirpe das xentes delicadas de Carballedo, por onde o río Bubal descende con súa cantiga de berce cara ó Miño e nos Peares unifícanse en cántico maior. Pois neste concello no que ela naceu e amou, os seus rexedores non teñen unha simple mención a esta figura cívica e artística.

martes, 12-12-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía