logoGrupoCorreoÚltima cantata do ano para Mozart - 26.12.2006

Xosé Lois García
Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791), ben merece o agasallo dos amantes da música por ternos dado tanta ledicia e harmonía nun mundo cada vez máis enclaustrado en si mesmo e de costas a expresións tan poderosas e íntimas como as que Mozart nos legou. O xenio merece lembralo cantarexando unha das súas composicións ou mesmo deixando que o noso tímpano se deleite cunha das súas innovadoras composicións.

Se dicimos xenio mencionamos a universalidade dun compositor que axudou a cambiar o sentido e a estética musical do século XVIII. A historia de finais dese século convulso tivo sentido no que se retrospectivou a través de Mozart e da Revolución Francesa de 1789. Dous referentes que cómpre ter moito en conta e en perfecta sintonía entre o que hai nesa interrelación entre o aspecto musical e o aspecto revolucionario.

O mundo lembrou neste ano o douscentos cincuenta aniversario do nacemento de Mozart e isto onde máis se nota é en Viena, onde foi mecenas de tanta creación e divulgación e, mesmo, onde morreu. Por antonomasia, Viena continúa sendo o referente emancipador dos dons musicais que entraña unha liberación persoal cando un camiña por esas enormes rúas e prazas, todas elas sonorizadas por eses doces acordes de violíns e de óboes. A tradición musical de Viena emancipa e métenos de cheo nese labirinto luxurioso de harmonías e devólvenos aquela pureza culta da nobreza e da burguesía austríaca.

Hai poucos meses que estiven en Viena, toda ela desbordante de autoridade musical. O aniversario de Mozart incita mobilidade ao redor dese seu gran milagre creativo. E os vieneses téñeno tan pola man, e dun xeito tan familiar que nun dos concertos sinfónicos de Mozart impresionoume ver homes e mulleres degustando copas de viño, das ribeiras do Danubio, ao mesmo tempo que escoitaban a súa música. Fiquei un bocado confuso ao ver copas de viño no concerto e coidei que ese xesto de sentir as emocións da música de Mozart e do viño pode ser un estímulo para abrir os sentidos a tanta emoción iniciática.

A Viena mozartiana garda suculentos relembros e exhibe non poucos detalles do compositor, como é a Mozarthaus (casa de Mozart), na rúa Dongasse, nº5, onde el viviu de 1784 a 1787, e nela compuxo a ópera As vodas de fígaro. Nun daqueles enormes cuartos respira Amadeus nun retrato inacabado que o cuñado, Joseph Lange, lle pintou en 1789. Non é un dos retratos mais divulgados do compositor, mais ese seu perfil sereno, concentrando a ollada sobre unha idea ou, quizais, sobre un piano dimensiona os sentimentos que un poida ter pola grandeza creativa de Mozart.

Viena está chea de alegación sobre o seu músico universal, pero o que non garda é a súa tumba. Esas cousas do azar de manter no anonimato a súa sepultura, ao perderse a identidade dese espazo funerario. Mais Viena, no seu Zentralfriedhof (Cemiterio Central), conserva un delicado e amplo espazo onde están enterrados os músicos, en notábeis mausoleos, como Beethoven, Schubert, Brahams, os Strauss, Dumba, Konzak, Müller, Wolf, Lenner e Liechtensteins. Todos estes compositores fanlle coro a ese centro onde se ergue o monumento funerario dedicado a Mozart, no cal non está. Porén a súa presenza, en efixie, indícalle ao visitante que está ante o ático e talentoso compositor, coa grandeza e o atributo de ter como custodia as cinsas de seus irmáns.

Amadeus Mozart é irrepetíbel, pola súa amplísima obra e pola súa idade en que executou todo o seu repertorio. Cando finou tiña só trinta e cinco anos. Moitos dos seus biógrafos máis achegados falaron se Mozart era froito do misterio ou do milagre. Pode que fose un agasallo de Fortuna á humanidade, deses que tan poucas veces estamos acostumados a recibir de parte dos deuses
Xosé Lois García - martes, 26-12-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía