xose 1200x230

A inmoralidade da proliferación nuclear - 23-01-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

A humanidade a través da historia practicou detestábeis inmoralidades de todo tipo pero ningunha comparábel coa destrución masiva das explosións atómicas. O caso de Hiroshima e Nagasaki aínda non nos serviu de experiencia para detestar e incumbir no esforzo disuasivo de frear tal loucura. Hai casos tan execrábeis, perfectamente inmorais, como é o caso armamentístico atómico entre Paquistán e a India. Vellos contenciosos como é o de Caxemira son aproveitados polo dominio estratéxico dos Estados Unidos para introducir a súa cuña fronte ao poder da China. Sen escrúpulos, intensificou a proliferación nuclear en dous países do Terceiro Mundo, superpoboados e cun nivel de vida de subsistencia, están sendo o branco desa política do Pentágono que Donald Rumsfeld deseñou, nutrindo con cabezas nucleares estes dous países veciños e inimigos. A inmoralidade dos Estados Unidos cara ó Terceiro Mundo mais espoliado e sangrante non pode ser máis inicuo ao introducir o seu poder a conta de dous países desgastados pola pobreza e o fanatismo. En todo isto, a inmoralidade non pode ser máis cativa e perversa.

Corea do Norte é outro deses países asiáticos con maior contraste de contradicións. Ao perder a órbita da URSS e do Comecón, os Estados Unidos incrementaron as inxerencias, moi escaladas, acelerando o conflito con Corea do Sur e con ameazas. Isto impediu que Corea do Norte continuase no TNP (Tratado de Non Proliferación Nuclear) e tomase unha decisión drástica de nuclearizarse. O 10 de xaneiro de 2003, tanto o vicepresidente ianqui, Dick Cheney, como o secretario de Estado, Colin Powell, arremeten constantemente contra o réxime comunista de Corea. O pastel estivo servido con esa verborrea até que a exhibición nuclear por parte de Corea do Norte non se deixou esperar como resposta ás ameazas. Ameazas compartidas, por parte dos Estados Unidos, con Irán e Siria.

Outra impertinencia grave por parte da política de enfrontamento de Bush, despois do acto terrorista do 11 de setembro, de meter a Irán dentro da chamada "Guerra contra o terrorismo". Unha estratexia calculada que abriu na área de conflito (Iraq e Afganistán), unha nova fenda contra Irán. Isto provoca que os aiatolás mostren a súas esporas antisemíticas e o presidente, Madmud Ahmadineyad, negue as evidencias do holocausto xudeu e recorra ás suras coránicas que acirran conflito "¡Crentes! Os asociados son impureza. ¡Que non se acheguen, pois, á Mesquita Sagrada." (Sura, 9,28) Ou: "Para os infieis temos preparado un castigo humillante" (Sura, 4, 151).

Irán, a "forza do mal" (no vocabulario do Pentágono e da CIA), contrarresta esta consigna con outra de combater o infiel. Quere dicir combater os Estados Unidos coas mesmas armas que eles teñen. Despois de tantas ameazas norteamericanas contra o Irán dos aiatolás non nos pode sorprender que estes configuren a súa autodefensa con armas nucleares e comecen a ameazar a Israel. Como sempre, Israel non responde a palabras quizais un día acordemos todos cun ataque israelita as plantas nucleares iranianas.

A inmoralidade nuclear segue o seu curso na marxe dos que aspiran a dignificar a súa liberdade e a superar a súa pobreza. A causa de someter o outro e desgastalo con conflitos e tensións, creándolle a necesidade de armarse atomicamente, é unha cuestión inicua de que os imperios nunca tiveron a vontade de pacificar conflitos senón de abrilos e aceleralos en beneficio propio.

Este foi e continúa sendo o gran dilema dos que cren que son os donos do universo e que teñen dereito ao predominio dos demais, apelando e devorando os que non lle son obedientes. O actual conflito ente Etiopía e Somalia mostra a ampliación de conflitos por parte dos Estados Unidos.

martes, 23-01-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras