logoGrupoCorreoPor unha Galiza con proxección orixinal - 30-01-2007

Xosé Lois García

A alfombra que tiña o PP nas institucións galegas non basta con sacudila hai que lanzala ao máis profundo dos baleiros. O bipartito debe ser consciente e consecuente que unha Galiza diferente á que deixaron os pepés é posíbel, cunha serie de proxectos orixinais que sirvan de activo incontestábel e capaz de proxectar debate, liberdade e progreso. Sen estas tres premisas será difícil cambiar o rostro dunha Galiza que lle foi encuberto por unha máscara que a disfrazou de penitente inconmovíbel. Agora, tanto o PSdeG como o BNG teñen a posibilidade de petar na alma do pobo, e aínda que o pobo galego, tan desconfiado e individualizado polas falcatruadas políticas e polas carencias que os políticos consentiron, tivo tal desbordamento de xenerosidade que foi capaz de aguantar neglixencias que mantiveron apartado de ver as cousas de outro maneira.

O novo modelo de goberno está mais achegado aos problemas do cidadán, onde este ten a opción de debate e de liberdade para concienciarse que o progreso, durante tantos anos aprazado, é posíbel. Os gobernantes autonómicos están dando síntomas de eliminar ese caos de tantas décadas de desgoberno que houbo e que o propio Partido Popular se alimentou do silencio e da pasividade cidadán. Estamos fronte aos grandes cambios estruturais de Europa e Galiza non pode ficar indiferente, pasmada en si mesma. Galiza debe reforzar a acción dos cambios sociais que se operan desde a Xunta. Pese ás turbulencias que se orquestran conscientemente para desacreditala e desgastala e, tamén, inconscientemente por aqueles que pensan que o río Miño pásase dun salto e non se necesitan pontes. O escenario herdado do PP é sumamente patético; o Prestige continúa supurando "hilitos" e é algo que os políticos desta Xunta teñen que facer de fontaneiros e planificar esa ruta dos grandes petroleiros e estruturar os portos para que esta gran desfeita non se repita. E este problema provén das improvisacións do PP.

Os incendios programados e calculados que se deron masivamente en Galiza en 2006, teñen a todas luces unha motivación política de desgastar e obstruír o bipartito. A queima daqueles espazos sensíbeis ao turismo e onde goberna a esquerda deixa bastante ao descuberto a intencionalidade pragmática dos incendiarios. Mais en toda esta desfeita, o actual goberno da Xunta exhibiu a súa capacidade de enfrontarse á realidade e ter unha capacidade de resposta bastante obxectiva.

Despois disto chegaron os grandes temporais de choiva e as canalizacións e outras estruturas feitas á medida da especulación sucumbiron. Os damnificados tiveron unha resposta mais concisa e puntual que a que tiñan anteriormente. Non estou a cantar as glorias dun goberno autonómico, pero si a puntualizar certos cambios de ética e de seriedade en favor da cidadanía. E isto é o que quere ver e notar o cidadán, que se está ao lado del e con el inténtase solucionar e superar os seus problemas.

O Bloque Nacionalsita Galego e o PSdeG, en cuestión do avance do Estatuto, non deben estar a auspicios do que lles marque este PP que se enroca para que os demais busquen saída mentres pasa o tempo e para que as realizacións sociais non teñan continuidade. O Partido Popular aprendeu moito de Convergència i Unió, no desgaste de Maragall, sobre a demora do Estatuto catalán, creándolle ao tripartito improvisacións de urxencia que tiveron certo carácter de desprestixio. O goberno galego non pode caer nesa marañada. Se é necesario debe aprazar o Estatuto, deixando o sr. Feijoo e os seus mandatarios en panos menores. Sabemos que Galiza é unha nación, deformar esta realidade coa semántica do PP parece que todo está calculado para que fracase o Estatuto, que equivale a desgastar o bipartito. Isto contrarréstase con políticas sociais e de benestar.

martes,30-01-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía