xose 1200x230

Ouro Preto na voz dos poetas - 27-02-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Os poetas mineiros ofrendáronlle con ardor e emoción os seus cantos líricos á cidade Ouro Preto. Esa presenza poética matiza cada unha das súas particularidades artísticas e paisaxísticas que entenrecen o lector sobre a idílica comprensión dos poetas ante ese maxestoso promontorio telúrico cargado de dons e de misterios artísticos.

Aquela Vila Rica, despois Ouro Preto, está marcada pola obra dos poetas que aquí naceron, viviron e pasaron. Sen esa obra e sen esa acción, o Brasil sería máis pobre historicamente. A independencia do Brasil comezou en Ouro Preto e os axentes intelectuais foron tres poetas coñecidos co nome de inconfidentes.

Os tres nacidos en Portugal mais desenvolveron o primeiro proceso independentista. Referímonos a Cláudio Manuel da Costa, a Tomás António Gonzaga e a Alvarenga Peixoto. Da Costa, escribe en 1773 o seu poemario: Vila Rica, evocando os diversos atributos de súas xeografías e remata o libro con estes versos: "Enfim serás cantada, Vila Rica,/ Teu nome impresso nas memorias fica;/ Terás a glória de ter dado o berço/ A quem te faz girar pelo Universo". Gonzaga e o guieiro que nos leva ao núcleo da arte e da sabenza: "Toma de Minas a estrada,/ Na Igreja Nova, a que fica/ Ao direito lado, e segue/ Sempre firme a Vila-Rica". Peixoto, signifícase nesta metáfora: "Eu vi a linda Jônia e, namorado,/ Fiz logo voto eterno de querê-la".

En Ouro Preto naceu un dos grandes poetas mineiros, como foi Alphonsus Guimaraens, que se nutriu desa sensibilidade mística que Ouro Preto e Mariana destilan. Outro dos grandes valores da poesía mineira foi Murilo Mendes, autor do poemario: Contemplação de Ouro Preto (1949-50), no que di: "Desdobram-se as montanhas de Ouro Preto/ Na perfurada luz, en plano austero./ Montes contempladores, circunscritos/ Entre cinza e castanho, o olhar domado". A este cerimonial de homenaxes sumemos o do gran vulto da poesía brasileira, o mineiro Carlos Drummond de Andrade. No poema titulado: Ouro Preto, Livre do Tempo, ofrécenos estes versos: "Ouro Preto fala com a gente/ de um modo novo, diferente" (...) "Ouro Preto, mais que lugar/ sujeito à lei de finitude,/ torna-se alado pensamento/ que de pedra e talha se eleva/ à gozosa esfera dos anjos". Nesta evocación encontramos a Alphonsus de Gimaraens Filho: "Sobre a cidade. Chovia na carne, na alma./ Chovia para sempre./ Em Ouro Preto como en qualquer cidade. Para sempre".

Vemos en todos estes escollos que a longa tradición evocativa continua. Una das novas voces mineiras, a de Andityas Soares de Moura (1979), no libro: Fomeforte, encontramos estes versos: "Ouro Preto/ Muito bem/ sem mitos/ sen casarios/ cidade calcada/ aquí, se colhe/ rocha/ pavio/ enxada/ porta de grama/ aquí, alguem/ esquece o nome". O Andityas, loa neste libro a nobreza artística do Aleijadinho que nos deixou na igrexa de San Francisco de Asis: "São Francisco de Assis,/ Em tua nave central/ guardas/ o grão de minério// ternas tintas/ fizeran-te/ protetora do/ esquecimento/ e quando teus anjos cantavam e/ soavam instrumentos/ variados/ era minha mão que/ tremia e esculpia/ o/ mármore imemorial:/ os séculos/ te levantarão".

Alén dos poetas de Minas Gerais a evocación a Ouro Preto continúa, poñamos como mostra dous dos grandes da poesía brasileira, o pernambucano, Manuel Bandeira e á carioca, Cecília Meireles. Bandeira, nun soneto, di: "E avulta apenas, quando a noite de mansinho/ Vem, na pedra-sabão lavrada como renda,/ -Sombra descomunal, a mão do Aleijadinho!.

Romanceiro da Inconfidencia, de Cecília Meireles é un poemario clave no que nos revela os portentos históricos, económicos e a loita dos inconfidentes, para rematar con estes versos: "(Ai, Ouro Preto, Ouro Preto,/ e assim foste revelado)".

martes, 27-02-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras