logoGrupoCorreoMariana, vestida de amarelo - 06-03-2007

Xosé Lois García

Toda ela vestida de amarelo cromático que desde os seus enormes santuarios, que coroan cumes e cerros. Así resplandece esa Mariana festiva e movementada en cada unha desas igrexas barrocas onde deixaron a pegada o Aleijadinho e o pintor de cúpulas e teitos, Antonio da Costa Athayde, dous nomes para unha ampla referencia universal da arte de Minas Gerais.

Mariana, a antiga Vila do Carmo, non lonxe de Ouro Preto, foi connotada polas ambicións e avaricias dos que procuraban ouro até erixir nos seus montes altivos templos, tan solemnizados como evocados por ambiciosos freires mendicantes, polo que perforaron e cicatrizaron eses seus montes na súa obstinación de seren deuses. Parece que aquelas primeiras dádivas auríferas foron dedicadas a erguer delicados santuarios. Aí están aínda co seu tempo parado deparando o sinistro que son os humanos nas súas invencións de gratificar os deuses de pao e pintura que inventan máis que gratificar os humildes de solemnidade.

Chegar a Mariana e contemplar todos eses igrexarios é como un agasallo sorprendente e dadivoso co que se contentan as nosas agraciadas retinas que transmiten emoción de quen se deixa seducir. As igrexas de San Francisco e da Nosa Señora do Carmo, dúas almas xemelgas que manteñen no seu interior unha das partes máis auténticas e admiradas da obra do Aleijadinho e de Athayde. Dúas igrexas cunha torre a cada lado do pórtico, como protectoras do sagrado, exhibindo ese amarelo, entrelucido no branco, como unha das expresións máis vivas que o viaxeiro agradece ao pescudar nos extremos íntimos deste contorno.

Normalmente en cada unha destas igrexas hai un pequeno museo feito á medida das almas puras que as mantén na fe e outras no sabor artístico do que nelas se eleva. Como na catedral de Mariana, que se comezou a construír en 1709 cunha fachada de harmoniosas liñas, que non denota o que garda no seu interior. Como son os suculentos retablos barrocos que acollen persoeiros do santoral romano. Mentres un admira esa fabulación artística chega unha sorpresa nos acordes dun magnífico órgano alemán, construído en 1701 polo mestre hamburgués, Arp Schnitger e instalado en Mariana en 1751. Dous días á semana a música barroca sonoriza esas curvaturas que se elevan cara á cúpula presbiteral. Composicións de Johann Sebastian Bach, e de compositores brasileiros do barroco complementan o sentido óptico co auditivo. Pódese dicir que Mariana é única cando tanta solemnidade nos atrapa e nos modifica. Mais a catedral ofrécenos un belo museo de arte onde o Aleijadinho ten o seu atractivo especial.

A lado mesmo da catedral está o Museo de Alphonsus de Guimaraens (1870-1921) ese poeta místico que tanto innovou a poesía brasileira e foi un dos poetas mineiros que mais contribuíu á identidade de Minas Gerais desde o lado lírico. Despois de observar ese pormenorizado labirinto de salas e de prendas do poeta, o Andityas e mais eu decidimos ir ao mausoleo de Alphonsus de Guimaraens, naquel encantador cemiterio onde se divisa a planicie de Mariana e súas congostras, o epitafio que o poeta escolleu son dous emotivos versos que simplifican o seu compromiso de fe: "A minha alma é uma cruz/ enterrada no céu".

Mariana é unha cidade tan galana e leal ao viaxeiro que, como dun arrebato se tratara, ofrece a súa nudez e lealdade a quen a percorre e pescuda o seu latexar onírico como ofrenda. A beleza máis solemnizada de Mariana quizais sexa estar parada no tempo daqueles que procuraban ouro naquel riacho lento e ámago. Aqueloutros de rezo florido nos beizos e con maos cor de canela ocultas nos hábitos estaban destinados a acubillar a maior rapina, todo pola causa de Deus. Así é como Mariana testemuña respira toda ela a historia .

martes, 06-03-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía