logoGrupoCorreoSabará, arte e natureza - 20-03-2007

Xosé Lois García

Só vinte quilómetros separan a grande urbe de Belo Horizonte do rústico Sabará. O simpático taxista convértese no noso guía, dando consellos e explicacións sobre o terreo das súas vivencias. Así viaxamos entre aquelas forestas de exuberante verdor que custodian aquelas viravoltas do río da Vella. Un río moi pormenorizado en suxestións cando pasa por todos os extremos de Sabará, farturento e arrogante sen tino, coa súa cor de terra; nas cachoeiras, ­unhas veces canta primores e outras, en sonoros brúos, produce temor. Mais o río da Vella é un don de vida para esa poboación que resiste a ambas as ladeiras da súa conca e del precisa para harmonizar a súa vida e a sús xentileza.

A Sabará chegaron os bandeirantes e exploradores de minas á procura de ouro, furaron esas montañas e montaron artificios auríferos polos remansos do río, por onde se concentrou unha poboación de braceiros e os seus magnates construíron igrexas de tipo colectivo e de tipo persoal. De todos eses templos barrocos do século XVIII, que convidan a un longo itinerario, escollemos dúas, a igrexa de Nossa Senhora da Conceição e a igrexa de Nossa Senhora do Ó. A primeira delas ofrece un rigor de riqueza máis que de santidade. Aquí pódese saber o valor daquel ouro e de quen o administraba, investindo na luxuriosa arte barroca das prepotencias. Alí dentro, daquelas tres naves da Nossa Senhora da Conceição, veñen a un tódolos interrogantes da arte e do poder que ela representa. Mais é verdade, alí dentro hai arte que nos integra e subministra devoción, mais tento de interrogar a toda esa iconografía que implora silencio, e en silencio mastiguei boa parte dos detalles; un silencioso diálogo coa arte revelando as intencións de quen a mandou construír. En todas esas columnas e teitumes, cubertas de nobres madeiras onde o artista impuxo o maior acervo da súa orixinalidade artística. Retablos, esculturas, frescos e outros ornamentos configuran a grandeza aurífera das minas de Sabará e das súas clases dominantes que o colonialismo mantivo neste fermoso paraíso.

A capela de Nossa Senhora do Ó, construída no 1717, configúrase nesa extrema variedade de elementos esculturais e de pinturas que piden reverencia para eses persoeiros do santoral católico. O mais peculiar desta capela que foi oratorio persoal dos que exploraban as minas, leva o selo oriental daqueles pintores orixinarios de Macau que impuxeron una serie de escenas pictóricas de cacerías, da flora e da fauna en formato chinés, que moito din da mestizaxe cultural da lusofonía.

Nestas igrexas están as grandes obras do Aleijadinho. Naturalmente, este escultor foi o que configurou as expresivas esculturas nos grandes santuarios que se edificaron ao lado das minas de ouro. Mais a miña máis grata descuberta en Sabará foi esa expresiva escultura de San Juan de la Cruz, do Aleijadinho. O admirábel poeta carmelita interpretado por outro grande da escultura.

Mais de Sabará tamén son esas casiñas decorosas e humildes feitas á medida da pobreza e plantadas nas congostras da mata; eses lúcidos fontanarios que transcenden silencio barroco onde a auga esclarece a súa cantiga, ben contada e ben rimada; esas rúas franciscanas adobiadas de pedras miúdas que o río da Vella labrou en días de alporizado trebón; esas nobres casas que aínda izan a bandeira do pasado colonial; esas xentiñas de afabilidade tan distinguida e comunicante que veñen esclarecer a hospitalidade mineira.

Un regresa a Belo Horizonte ao lado das augas bulideiras do río da Vella e, mentres este desaparece entre grosas montañas, o perfil da grande urbe déixase observar neses fantásticos ou fatídicos raña- ceos -depende desde o ollo que se mire- e un esgota as últimas horas na capital do Estado de Minas Gerais.

martes, 20-03-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía