logoGrupoCorreoIguaçú, entre Arxentina e Brasil - 10-04-2007

Xosé Lois García

A brasileira cidade de Iguaçú, esa Babel moderna que a todos convoca a conclave para ver as súas marabillas naturais, onde as augas nos ofrecen liberdade plena. Aquí pululan os estranxeiros, nos seus excesos expresivos e ao natural como a natureza manda e esixe neste enorme paraíso.

Un dos puntos mais atractivos, para min, foi esa escenografía que presentan os predicadores de rúa, ao estilo mais bárbaro e inculto norteamericano. O que ía cun enorme aparello de megafonía nunha bicicleta contaba as súas experiencias transcendentais de cando se lle apareceu Xesús; outro con arengas contra os pecadores, ofrecíalles un apousento celestial. Desde un púlpito, no medio dun paseo, outro predicaba zarandeando a Biblia coa mao dereita e coa esquerda levaba un paraugas. Unha secuencia pintoresca para un filme de Woody Allen. Este ía de redentor de almas en precipicio milenarista. Outro estaba nunha encrucillada estratéxica, cunha pancarta alusiva a salvación. Todos no precario oficio de salvarnos. Aquí as sectas abundan como cogomelos e expresan seu poder neses templos pomposos e con nome de misterio. Parece que este espacio ten estrume suficiente para reproducir necidade e insolvencia en tanto predicador. Nese estilo de prédica revélase moi ben que a relixión continúa sendo o "opio do pobo". Ese teatro non pode ser mais triste é repelente cando a sociedade ten necesidade desa nefanda prédica: verdadeira alienación dos castrados e sumisos.

Deixando de lado ese mundo tan particular de Iguaçú un paso o río do mesmo nome e entra na provincia Arxentina de Misiones, no Iguaçú arxentino. Na aduana, longa fila de autos á espera de ser curiosamente rexistrados. Os militares pavoneábanse diante da xente, fardados con ese uniforme que tanto pavor e sangue teñen causado á nación Arxentina. Iguaçú é un pobo tranquilo que vive de souvenirs e sobre todo da peletería. Aquí un non atopa a barulleira relixiosa e seus prosélitos. A xente vive especialmente do comercio dado que a moeda de Arxentina está mais baixa que a do Brasil. Hai un estilo na xente moi europeo, aínda que aquí é unha terra guaraní, este concepto reivindícase pero non se expresa. O comercio é a vida e o poder económico de seus habitantes. Preguntei por librerías e todos me remitían a papelerías, o mesmo que no Iguaçú brasileiro. Disto despréndense moitas lecturas innecesarias.

A familia de Cláudio Melo e servidor decidimos ir a Ciudad del Este, na outra banda do caudal lento e determinante do río Paraná. Pasamos esa longa ponte que une, o que o río separa, o Iguaçú e a paraguaia Ciudad del Este. Centos de motos-taxi reclaman clientela para pasar a ponte. Din que na ponte opera esporadicamente "Caballo Loco", un bandido e súa banda que espolian os que pasan a pe. Esta cidade paraguaia non se parece en nada ás outras cidades que descansan na ribeira do Iguaçú. Aquí o contrabando é ben notorio, desde a venda de armas até algo mais perigoso. Bulicio de mercadorías dado que o guaraní é unha moeda de baixa cotización. Os caza dólares andan cos escopeteiros ás costas. Os bancos teñen seus gardas ben armados, parecen peonada medieval. A imaxe dos que levan armas enriba, revela o pouco que vale aquí a vida e o alto grao de inseguridade. Igrexas de filiación ianqui e mezquitas tamén exhiben o seu poder e señorío. Grandes boutiques e comercios perfilan a vida tan contraditoria dunha cidade que pode ser o espellismo da opulencia e da miseria que soporta Paraguai. Na rúa inmensas tendas de venda para pobres. Aquí si que me encontrei cunha librería, con escasos libros, e puiden adquirir varios exemplares de literatura e historia. Entre os autores está un, do século XIX. Algunha vez traereino a Ecos da Berenguela.

martes, 10-04-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía