xose 1200x230

De Iguaçu a Itaipú - 17-04-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

En Iguaçu está unha das máis completas marabillas do mundo que conforman as enormes cachoeiras que comparte o Brasil e Arxentina. Esa auga sublime que nos seus xogos manifesta sosego e violencia. O gran poema acuático hai que ir escoitalo ás quedas de Iguaçu. Aquí as emocións son tantas que un se deixaría levar nesa forza de sorpresas que a natura sempre impresiona na súa integridade. No Parque Nacional do Iguaçu (Patrimonio Natural da Humanidade, recoñecido pola Unesco no 1986) non hai artificios onde o home interveña. Aquí é natureza a que impón o seu ritmo e un non ten máis que entregarse ante tanta grandeza. A beleza, neste espazo, anticípanos moitos atributos que o ser humano ignora e en tantas ocasións se torna depredador do que é capaz de non oír cando a natureza fala no seu silencio.

Sen dúbida, os brasileiros están humanizados pola propia natureza que se manifesta nesa súa exuberante diversidade. A flora e a fauna, en Iguaçu, comparte espazo con esa invasión de turistas, contempladores, naturistas e ecoloxistas onde o respiro e a loubatoria se fai común. Estamos a falar dun amplo espazo ben coidado e no que non se deixa alterar o seu equilibrio e que ben podía servir de modelo para o resto do Brasil.

Todos sabemos o que está acontecendo na Amazonía, o cambio climático débese ao enorme atentado que os intereses económicos causantes da deforestación que sofre o Brasil e todo o planeta. Coidar unha pequena parte dese espazo como é o Parque Nacional de Iguaçu, e tolerar as agresións que está sufrindo a Amazonía entra dentro dos contrastes e das contradicións polas que pasa o Brasil.

O contraste maniféstase na xeografía de Iguaçu, no río Paraná, onde se atopa unha das maiores hidroeléctricas do mundo, como é a de Itaipú, con máis de dúas ducias de turbinas producindo enerxía para o Brasil e Paraguai, que comparten fronteira neste río. Ransés II ficaría abraiado por esta toleada de artificios. Cando un chega ao Complexo Turístico de Itaipú, o primeiro que lle ofrecen ao visitante é un vídeo onde se expón unha serie de grandezas en pro da flora e da fauna e un canto ao equilibrio ambiental. Onde aquí se creou unha enorme e artificiosa lagoa que alterou a climatoloxía a diversos niveis, completamente desfavorábel para a flora e a fauna. Toda unha evocación hipócrita que só os necios e os insensatos son capaces de crer.

O poderoso río Paraná encadeado e retrocedendo no seu curso invadiu tantas terras fértiles e produtivas. Disto da perversión dos encoros sabemos moito os galegos, lamentablemente. Mais o problema radica na ridícula aparencia de que quen anega é capaz de repoboar esa flora e esa fauna en espazos protexidos e non violados por estes devastadores encoros. Iso si, no Ecomuseo que a central Usina Hidroeléctrica ten neste espaczo exhibe grandes peceiras con diversas especies do río Paraná, como demostrando que as tales están a salvo. Mais o seu verdadeiro espazo sería o río Paraná convertido en inmensa lagoa, onde as especies orixinarias deixan de existir e o cambio ambiental xa produce alteracións moi distintas ás que cando o río Paraná gozaba de liberdade.

As quedas de Iguaçu e a presa de Itaipú mostran o contraste e as contradicións que existen nunha xeografía de poucos quilómetros de distancia entre elas. Se isto o trasbasamos ás distancias enormes que ten o Brasil, as contradicións son múltiples. É verdade que un pais precisa de enerxía, mais sen que estes dependan das grandes presas que eliminan e fragmentan espazos ecolóxicos. Ollando este disparate de encoro venme á memoria aquel poema do poeta mozambicano, Garabato Dias, que estaba contra a presa de Kabora Bassa e apelaba a que cada aldea construíra caborinhas bassas para non agredir o río Zambeze.

martes, 17-04-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras