xose 1200x230

O voto coherente - 22-05-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Non votar, ou votar os de sempre, representa para Galiza unha regresión cando o Goberno autonómico ten outro perfil innovador que deixa moi atrás as posturas integristas do ordeno e mando sen contar coa cidadanía que debe ser a soberana nun país democrático. Noutros tempos votábase en función do medo a pantasmas creadas polos que usurparon o poder ditatorialmente ou como favor aos que se enrochaban nos concellos, sen decatarse de que é obriga do político e da Administración atender o cidadán sen ningunha mercadoría a cambio. Aínda que o sucursalismo de favores existe, empregando o saquiño de cemento en propiedades privadas, sen ter en conta que o cemento hai que empregalo en obras comunitarias e por rigorosa quenda de prioridades.

Mais ese feudo conservador que orienta con medos e con mitos o voto cara aos seus celeiros ten en Galiza unha barreira importante co cambio estrutural que se está operando por parte do bipartito. E nesta nova orientación é importante que o cidadán asimile e compare o que xa ten envellecido e a novidade do que se renova. É importante observar quen atende os problemas da cidadanía concretando realizacións e quen vai con demagoxias co fin de rendibilizar o seu voto para sustentarse no poder. Estamos nun período en que a demagoxia fácil predomina, por parte da dereita, e, perigosamente, fai presa en non poucos reos que hipotecan o seu voto en palabras e non en feitos. Mais agora comézanse a cuestionar as malas experiencias e, tamén, as contradicións do que se di e do que non se fai. Se os avances paulatinos de toda a esquerda nas eleccións municipais galegas foron configurando confianza con realista credulidade, débese á boa xestión que os rexedores teimaron en producir cambios cualitativos. Un xa se vai desarroupando dos medos que infundía a dereita, os feitos son os que desbaratan confabulacións ben detestábeis.

Galiza goza dunha nova orde, sabemos que a seriedade se impón e isto prima a que o votante tradicional troque palabras por realizacións. E se hai dez anos os aparellos do poder caciquil tiñan un omnímodo plácet de facer as cousas en función de intereses partidarios ou de clan, agora podemos observar como a cidadanía comezou a varrer o lixo que tiña impregnado eses ambientes onde eles imperaban. Así, vemos como nas grandes cidades galegas deuse a confianza a unhas persoas cualificadas e viradas cara ós intereses colectivos. E nisto, o cidadán sabe comparar entre o que había e o que hai e é así como o proceso progresista por parte da cidadanía evoluciona constantemente, a pesar de certos comportamentos conservadores que tratan de que os privilexios continúen sendo patrimonio duns poucos.

Hai motivos para que o cidadán vote e se implique integralmente fronte ás mentiras e as cobizas do todo vale da dereita, que infunde medos para cativar o voto con capciosa linguaxe e sen un mínimo de razóns pragmáticas onde o votante vexa os intereses colectivos por enriba dos individuais. Neste sentido, estamos asistindo a recorrencias ben estrafalarias do todo vale, co ánimo de non perder poder cando se perde credibilidade.

Xerar confusión e confrontación ten como obxectivo encubrir non poucas tropelías que se fan onde eles gobernan. Os destapes de especulacións e corrupcións urbanísticas xeradas en múltiples municipios son unha mostra ben clara do despotismo usurpador que se vén utilizando. Referencia: Nigrán e outros municipios da costa luguesa. Fronte a estes affaires a cidadanía sabe castigar nas urnas a quen non merece confianza. O voto é algo moi serio cando se orienta e se pensa con dignidade no progreso e en compartir avances que a dereita só quere estancalos ou facelos en función dos seus intereses. Por isto, non votar ou votar os de sempre sería un erro.

martes, 22-05-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras