logoGrupoCorreoSão Paulo e o Atlántico negro - 05-06-2007

Xosé Lois García

Desde 1992, ano en que coñecín en Luanda a Tania Macêdo, agora profesora da Universidade Estadual Paulista Júlio de Mesquita Filho, en Literatua Africana de expresión portuguesa, volvín atopala nese inmenso São Paulo, e foi unha enorme alegría encontrarme con ela para matar saudades de Angola. Recobrar lembranzas sempre é óptimo para renovar a memoria das persoas queridas que deixaron pegada coa súa presenza no universo das letras lusófonas. A Tania levoume a cear á casa de Rita Chaves, doutora en letras pola Universidade de São Paulo e coordinadora de Literaturas Africanas de Lingua Portuguesa na mesma Universidade. Había tempo que eu tampouco vía a Rita. Esa noite calorosa foi fantástica ao traspoñernos en todo ese caudal literario que África lle achega á lusofonía. Ese Atlántico que separa continentes, unifica nas súas beiras a lingua e a literatura común dos Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (Palop) co Brasil. Aquí de-senvólvense proxectos de suxestiva traxectoria e, digamos, que o potencial máis sorprendente de estudo e difusión das literaturas dos Palop, prodúcese no Brasil. Todo un continxente de persoas e de recursos potenciando a lingua e a literatura dos países africanos desde o Brasil. Todos a elevar a presenza africana sen discusión nin envexas. Curioso que isto non acontece cos profesores das universidades portuguesas, nesta materia, que ademais de ser poucos danse pancadas baixas. O elevado respecto e a desinteresada colaboración dos brasileiros exemplifican o alto grao e os bos resultados desa planificación estelar.

Digamos que o que non poden facer os cinco países do Palop, por falta de estruturas e dun nivel de investigación, o está suplindo sobradamente todo ese volume de estudos que se fai desde o Brasil. Moito lles teñen que agradecer estes países ás universidades e centros pedagóxicos brasileiros pola eficacia desas publicacións que teñen unha transcendencia meritoria. A isto temos que sumar as ducias de teses de doutoramento.

Neste sentido, é bo facer referencia a unha serie de profesoras de universidades brasileiras, todas elas viradas cara ás literautas africanas. Ademais de Tania Macêdo e de Rita Chaves mencionemos a Laura Cavalcante Padilha, Carmen Lucia Tindó Secco, Claudia Márcia Vasconcelos da Rocha, Maria Nazaret Soares Fonseca, Maria Teresa Salgado, Simone Caputo Gomes, entre tantas outras. Como pode advertir o lector, son as mulleres as que conforman ese enorme e inconfundíbel bastión de realidades e estímulos cando se estuda e se revela a xusta realidade das literaturas africanas de expresión portuguesa.

Estas pioneiras conseguiron que as voces africanas teñan voz propia no Brasil. O traballo é común -reitero-, hai mutua axuda e é así como as cousas se procesan renunciando a contenciosos e facendo participar a todos, elevando a grandeza da utilidade intelectual. Neste sentido, as universidades do Brasil son un referente e, tamén, unha clave para manter unha coexistencia na divulgación expresiva do que se realiza nesa África de lingua común, onde todas estas profesoras e, tamén, profesores manteñen viva esa flama que ilumina ambas as costas do Atlántico.

En São Paulo estas realidades fanse comunalmente, mencionemos un libro coordinado por Rita Chaves, Carmen Secco e Tania Macêdo, titulado: Brasil África (como se o mar fosse mentira), na que participan vinte e un colaboradores que se entronizan en diversos contextos culturais e literarios de África e o Brasil.

São Paulo é, tamén, xuntamente con Rio de Janeiro e São Salvador da Bahia, un referente onde os negros propiciaron a cultura traída polos escravos e que potenciaron a formación desa poderosísima expresión como é a cultura afrobrasileira. Este contexto foi consolidado por dous poetas paulistas de raíces africanas: Luiz da Gama (1830-1882) que loitou contra a escravitude e por Mario de Andrade (1893-1945).

martes,05-06-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía