xose 1200x230

Os museos paulistas - 19-06-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

São Paulo non deixa de ser un museo en vivo que cativa e embalsama vivencias. En toda esta ampla cidade conviven as antigas casas modernistas cos enormes rañaceos. Na rúa Gonçalo Afonso, máis coñecida como o beco dos graffitis, aquí un pode ollar eses gráficos de enorme delicadeza e de contumaz sentido revolucionario das peculiares tribos que denuncian a opresión e alagan os desherdados deste mundo globalizado. Debo dicir que non teño moita simpatía polos graffitis de Barcelona ou doutras cidades peninsulares, cando os seus excesos deterioran zonas monumentais e sen reivindicar espazos, como este referido, onde poidan expor o mellor desta tendencia artística.

A presenza da Pinacoteca do Estado, ese edificio de matices neoclásicos, creada no 1897 por Francisco de Paula Ramos de Acevedo e que no 1905 se transformou no primeiro museo de São Paulo. Un enorme pazo que agora foi reformado no seu interior e que aloxa diversas exposicións pictóricas e esculturais. Modernidade e vangardismo evocando o mellor que se produce nesta rebordante urbe. É así como São Paulo respira a súa peculiar delicadeza creativa nos seus museos.

Mesmo diante desta Pinacoteca está a estación ferroviaria da Luz, cun enorme edificio de estilo vitoriano construído no 1901, e que na actualidade alberga o Museu da Língua Portuguesa. Eu diría da Lusofonía, porque no seu plano inicial está esa configuración de darlle ­realce á lingua común que se fala nos cinco continentes.

Os visitantes deste museo entran nun enorme espazo e fican sorprendidos pola sonoridade da voz dos poetas brasileiros, como Manuel Bandeira, Cecília Meireles, Drummond de Andrade, Fernando Pessoa, Eugénio de Andrade e, tamén, de destacados prosistas que invocan a lingua portuguesa. Ao mesmo tempo que se visualizan os caracteres deses textos evocadores.

Notei a faltar aí as voces de Agostinho Neto, de Antonio Jacinto, de José Craveirinha, de Noemia de Sousa, de Francisco José Tenreiro, de Oswaldo Alcántara, de Alda do Espírito Santo e de tantos outros escritores africanos e asiáticos de expresión portuguesa.

Ou mesmo dos galegos, que cómpre que os falantes da lusofonía saiban naquela antiga Galiza sueva se creou o corpus do idioma común e, pese ás súas variantes tamén acrecentamos esa enorme comunidade de falantes. Por todas esas galerías onde o perfume da evocación á lingua se contextualiza desde os seus primordios (facendo unha pequena referencia aos cancioneiros galaico-portugueses) até chegar aos nosos días.

Neste museo, interese e sorpresa son os fíos condutores de exaltar a comunidade da lingua, como dicía Fernando Pessoa: "A minha pátria é a língua portuguesa". E outra das revelacións deste museo é a evocadora e certeira pancarta textual de João Guimarães Rosa, que di: "A linguagem e a vida são uma coisa só. Quem não fizer do idioma o espe­lho da sua personalidade não vive; e como a vida é a linguagem tambem deve evoluir constantemente".

Na arteria principal de São Paulo, na Avda. Paulista, está o MASP (Museu de Arte de São Paulo). Un edificio proxectado pola arquitecta Lina Bo Bardi, no 1968. Todo un estilo innovador dese peculiar formato que pendura en dúas escuadras como se fose unha caixiña onde se gardan os mellores tesouros da arte brasileira, das Américas, de África e un excelente inventario de arqueoloxía.

As sorpresas non deixan a un indiferente, mais na apoteose da creatividade pictórica teño que sinalar o catarinense, Vítor Meireles de Lima (1832-1903), cuxos retratos evocativos a Pedro II e a Tereza Cristina, o converten no Goya Brasileiro.

A serie bíblica de Cándido Portinari (São Paulo, 1903-1962), con certas referencias picassianas, revela a grandeza creadora da arte brasileira máis esixente que marca ­unha nova era.

martes, 19-06-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras