logoGrupoCorreoSobrevivir en São Paulo - 26-06-2007

Xosé Lois García

Fáiseme angustioso pensar nas diversas sobrevivencias que teñen que facer os centos de miles de discriminados e apestados das clases pouco podentes, nunha macro cidade como é o caso de São Paulo. Sen dúbida ningunha , un pode apreciar varias modalidades de artes e artimañas para darlle pulo á vida e poder levar a codia da mendicidade á favela ou á pallota do suburbio, onde os desposuídos da vida agardan a dádiva que desprezan os señores do global. Un sorriso tenro e cadencioso dos nenos e dos vellos ponlles un certo fragor melancólico a esas latas e madeiras que feden a humidade e a outras substancias que perturban o nariz.

A desorde social de calquera grande urbe como a de São Paulo, a conciencia retráenos e obríganos a pensar no sistema que adoptan os cidadáns para vivir baixo esas condicións de alienación opresiva. É verdade que onde hai pobreza hai inventiva. Aos pobres destes maltreitos universos deixáronos repudiadamente illados. Mais o críbel de toda esta miseria é que non lles puideron roubar o don de inventar. Toda esta estirpe de iletrados souberon inventar a propia vida, para ilustrar os que gozan da vida opulenta que crea tantos restroballos. Aí están os "meninos da rua" a cambiar de detalles e harmonías para levar ao peto uns cantos reais que moitas veces non valen para sacarlles a fame, senón para sedala.

Os mendicantes dos semáforos rezan por algunha ánima non purgada dun familiar calquera ao que lle piden esmola. Estes imprevistos funcionan e impactan aos brasileiros tan centrados en tantos residuos místicos e supersticiosos. Á vida ai que zurrala desde calquera promontorio existencial. A cutrez ten as súas normas, as súas parénteses e seu propio e lexítimo empirismo. Así o reficten eses rostros curtidos pola ansiedade dunha loxística en desamparo. Nesa ampla marxinalidade o Estado son mesmo eles. Nada por enriba deles, aquí as nomenclaturas administrativas son de feble resistencia. Os mendigos deben ser os únicos que saben de alturas e fonduras, os seus opresores só saben de marxes, cando os expanden ou os limitan, mais as frecuencias en horizontal non perden a perceptibilidade dos asoballados.

Os pobres no Brasil saben arranxar o seu portento na arte de furtar, ou na apropiación debida. Hai toda unha estratificación desta arte que parece que saíse dun manual de ricos. Cada un ten a súa táctica e o seu enigma, tanto a nivel individual como colectivo, uns utilizan a raposeira e outros violencias sen rechistar. Estes últimos impoñen a súa ferocidade; o seu propio lixo estremece a todos, menos ao señorío que crea as estrumeiras da desigualdade e só confía nos gorilas de seguranza, nos autos blindados, nos seus rañaceos con cámaras invisíbeis e nos seus lares amurallados.

O que máis lles debe doer aos desposuídos de calquera ben, é ollar ese rabaño lúmpem que saíu das súas filas e fan de pretorianos ou de cans cerveiros. Todo isto é cuestión de definicións esbirras e non de semánticas. Mais os que se dedican a pillar cadeas de ouro, reloxos, móbiles e outras miudanzas dos viandantes confiados, teñen os seus intermediarios para que a oferta e a demanda non pareza residual. Mesmo no centro neurálxico de São Paulo, na rúa principal do Theatro da Ópera, hai ducias de intermediarios que reclaman a recolleita do día para encamiñala aos que se dedican a estes mesteres: xusto os que se clasifican do bando capitalista.

Os intermediarios, ou favelados, recibiran unha dádiva para aledar con feijão e augardente a noite irredenta da súa cubata. Para todo ese reclamo de mercado, decenas de homes patrullan ese centro con reclamos ás costas e no pectoral e outros están subidos nunhas enormes cadeiras con carteis de reclamo e atracción. En todo isto, o Estado é indiferente a perpetuidade.

martes, 26-06-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía