logoGrupoCorreoLucila Nogueira, na Habana - 10-07-2007

Xosé Lois García

A voz carioca de Lucila Nogueira sonorizou en lingua portuguesa nas extensas naves conventuais de San Francisco de La Habana, ateigadas de público e dos poetas convidados de todo o mundo que lemos un poema na nosa lingua orixinal. A lingua portuguesa estaba representada por angolanos, brasileiros, caboverdianos e mozambicanos. Mais os oráculos líricos dunha ninfa, como os que exhibe Lucila Nogueira, de brasileirísimos sons, sorprenderon a esa multitude enorme que asistía a este recital do XII Festival Internacional de Poesía de la Habana, celebrado do 27 de maio ao 3 de xuño). O presbiterio conventual era unha especie de olimpo onde os poetas recitaban e ao seu redor as grandes voces cubanas dábanlle resplandor ao acto, como Cintio Vitier, Fina García Marruz, Roberto Fernández Retamar, Pablo Armando Fernández, Waldo Leiva e tantos outros. O cerimonial estaba presidido por Aitana Alberti e pola poeta Nancy Morejón.

A ninfa brasileira soubo conquistar o público que sempre se manifesta no aplauso forte e duradeiro, e isto sempre é bo síntoma do respectábel oidor cando se manifesta por decibelios. Estamos a falar dunha das portentosas voces da poesía brasileira, ademais de ensaísta, tradutora e profesora universitaria. Todo un complemento de vicisitudes e referencias que colocan a Lucila Nogueira no campo das contundencias poéticas. O seu timbre de voz emocional sonorizou aquel espazo e amosou que a poesía está viva, para quen a sente e para quen busca as cousas mais sinxelas e sublimadas.

Lucila Nogueira inaugurou neste evento un poemario seu, titulado: Poesia Em Havana, con dous rexistros moi diferentes. A primeira parte entronizou vinte e catro cuartetos en dúas estrofas para cada poema. A última parte os poemas están referenciados en matices diversos. Mais esa voz inicial, da que falamos, sempre evocadora e emerxente, nas súas contundencias, proclama, como nun ritual, o memorando de persoas e feitos relevantes, incidindo coa palabra metafórica, como nestes versos: "Tua epopéia finda no Quíxote/ que desejou unir armas e letras/ tua epopéia é o túmulo de Lorca/ e o cadáver de Goya sem cabeza".

Neste libro a epopea está servida de moi diversos materiais e formas de visionar eses dous mundos que aínda se contemplan indiferentes, como son Europa e América. Unha contemplación que xa ficou en desuso de tanto esquecer a ferida duns polos outros. Neste contexto, Lucila Nogueira é moi coidadosa ao articular os diversos graos dese cronicón da América pos colombina. Xa Neruda, en seu Canto General, abondou nas diversas xeografías de América e contribuíu á formación de dar corpo e estatura a esa crónica da diversidade histórica.

Nesta dirección apunta Lucila Nogueira desde o lado existencial no que busca a complicidade de temas que se resisten a desaparecer, que son elementos básicos para a reconstrución dese universo que presenta tanto material que só a poesía pode absorber e matizar en moi distintas esferas da súa diversidade. E neste plano, a poesía de Nogueira toma diversos perfís de referencia e, tamén, de contundencias como neste poema: "América, passaram-se três séculos/ da Igreja de Colombo à retomada/ Las Casas, de Vitória, José Martí// América, teu nome é Ayacucho/ Europa, onde está Nova Granada?/ Cento e setrenta anos se passaram/ talvez por isso eu fique emocionada".

Velaquí a poesía social requentada neses valores dos oprimidos, aínda sen totalizar por esclarecidos servos e marxinados polo colonialismo de antes e agora polo seu sucedáneo capitalista. Mais a poesía da escritora Lucila Nogueira non admite o discurso netamente político, ela sabe que en poesía o discurso social é de máis impacto e magnitude que o político. Mais é a ideoloxía a que sustenta os seus parámetros.

martes, 10-07-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía