logoGrupoCorreoMiguel Anxo Araújo - 07-08-2007

Xosé Lois García

A presenza dun bispo galego, como Miguel Anxo Araújo, introducido na máis variada problemática de Galiza non deixa de ser atípica na historia do episcopado galego. Mais foi valente, honesto e consecuente coa realidade da súa Terra. Coido que cumpriu con aquela encomenda que o apóstolo Paulo deixou na primeira Epístola a Timoteo, 3: 2-3, cando dixo: "É preciso que o bispo sexa irreprensíbel, home dunha soa muller, sobrio, prudente, decoroso, hospedeiro, apto para ensinar; non dado ao viño, nin liorteiro, nin cobizoso de ganancias deshonestas, senón amábel, pacífico e non avaro". Nos seus quince anos como bispo de Mondoñedo (1970-1985) soubo cumprir con aquelas antigas encomendas paulistas exercendo con dignidade estes dons de oficio e colocándose á marxe de tantos despropósitos que a xerarquía católica do Estado español viña promovendo. Claro que o bispo Araújo foi un bispo atípico e incómodo para a maioría dos xerarcas da Igrexa, por estar máis vinculado aos problemas irredentos de Galiza que por estar en beateiro recato ou recluído en privados apousentos. Coido que a súa morte ten que facernos reflexionar aos galegos sobre un bispo de tanto desdobramento belixerante en favor da emancipación de Galiza. Neste apartado foi moi realista: "É que alá, en Roma ou en Madrid, non saben que Galicia é unha das tres nacionalidades históricas, cunha identidade moi específica cunha cultura e unha lingua moi propias e diversificadas?.

A emancipación de Galiza comeza por restituír o seu idioma e nisto foi contundente e claro, ao dicir: "Ó noso pobo transmitíaselle a fe cristiá xeralmente non na súa lingua cotiá, senón na lingua castelá; e ensinóuselle a rezar, ou mesmo a confesarse, en castelán e non en galego. Igualmente, na súa vida administrativa, a Igrexa prescindiu do galego e valeuse do castelán. En parte esta actitude da Igrexa galega foi o resultado de imposicións alleas, de natureza política". Noutro apartado admitiu: "Por último, neste comentario que podemos chamar negativo, faría referencia ó pouco que está a facer a Igrexa -todos- pola cultura e a lingua galegas e os atrancos que sobre todo os cregos están a poñer para o uso da liturxia".

A lexitimación contundente en favor da normalización do galego exprésase na carta que Miguel Anxo Araújo lle enviou a Xoán Paulo II, nestes termos: "Fágoo tamén nesta lingua galega, que é a lingua deste pobo galego, pois cáseque seguro que serán as únicas verbas que a Súa Santidade vai oír nesta nosa doce lingua. Sei ademais que vostede a entende, xa que entende e fala o portugués, lingua irmá desta nosa lingua". Entre outros problemas que Araújo lle salienta ao papa, nesa carta, é: "Non se trata de que Galicia sexa unha terra pobre, senón que é unha terra rica cuns homes pobres".

Obxectivamente, o bispo de Mondoñedo entrou pragmaticamente no ventallo da nosa problemática. Era a primeira vez que un bispo se tiña implicado en configurar solucións dentro do contexto nacional galego. E isto para unha xerarquía trasmontana e bunqueriana, que o propio Miguel Anxo Araújo definiu como "eclesiocracia", non era fácil que o bispo de Mondoñedo gozase da simpatía do arcebispo e bispo auxiliar de Santiago, Suquía e Rouco, respectivamente.

Todos sabemos que Araújo se implicou en temas sociais confrontando a realidade do pobo asoballado co absentismo da Igrexa e, neste sentido, dixo: "Existe un medo especial a colaborar con aquela xente que milita en partidos que se din de esquerdas ou sindicatos, aínda que se trate de accións verdadeiramente liberadoras". Coñecida é a súa homilía nos feitos da Bazán do Ferrol do 10 de marzo de 1972, así a tratou: "A desproporción e desigualdade entre capital e traballo; mentres aquel só sofre nos conflitos as consecuencias dos beneficios, o obreiro en troques está suxeito ó risco do despido e á falla de traballo". Coido que finou un home exemplar que soubo interpretar e defender unha Galiza plural e sen amarras.

martes, 07-08-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía