logo opinionMemorando de Boimorto - 21.08.2007

Xosé Lois García
O Concello coruñés de Boimorto recupera a súa memoria dos anos da guerra incivil nos que os vencedores silenciaron os que podían dar fe daqueles masacres que aconteceron en varios espazos deste municipio. Pese ao silencio establecido por decreto, o tempo sempre pon as cousas no verdadeiro lugar que lle pertence. Da investigación desta temporalidade ocupouse Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), ese bardo de "blancas y luengas barbas visigóticas" -no dicir de Ánxel Fole-. Mini, o destacado cantautor da Quenlla, buscador de tantas cousas nobres que nesta Galiza demasiado fosilizada se deixan encubrir polo esquecemento.

Boimorto: Memoria dun Silencio é un libro da autoría de Mini que foi publicado polo Concello de Boimorto e que nos ilustra puntualmente do republicanismo vivido e experimentado neste municipio e, sobre todo, da represión fascista da que podemos cuantificar varios mortos. Estamos ante un traballo exhaustivo e contrastado por moitas das persoas que viviron aquela situación de gravísimas consecuencias.

Descoñeciamos a faceta de Mini como memorialista. Este profesor de que tantas elocuencias proclaman os seus alumnos, agora entra nunha das tarefas históricas máis interesantes da vida pública galega dos anos da guerra de 1936 a 1939 e dos anos posteriores da represión franquista.

Mini fai un alegato moi ben documentado sobre as achegas e logros da II República no espazo de Boimorto. Todo un lustro de deseños progresistas que deron pulo a un progreso de ideas que foron frustradas, nos que se engaden os asasinatos que se memorizan neste libro.

Boimorto, como tantos outros municipios desta Galiza irredenta, soubo establecer unha loita de progreso para superar o atraso e a incultura no que o medio rural galego estaba sometido. Mini ilústranos con toda unha orde programática daqueles republicanos que militaban en varias instancias políticas e ideolóxicas que souberon crear os alicerces para combater os excesos caciquís e clericais que predominaban na xeografía de Boimorto. Os señores dos privilexios fronte aos parias da terra.

A loita de clases toma vixencia; poder e contrapoder en belixerancia. Os pobres e desposuídos contra os monopolios que negaban unha escolarización do pobo. Os esforzados republicanos de Boimorto souberon crear infraestruturas para saír dese atraso secular.

Nunha segunda parte do libro, Mini entra no período da sublevación militar de Franco contra o goberno constituínte, para entrar xa de cheo nunha represión exhaustiva na que se rexistran asasinatos dos cidadáns progresistas de Boimorto. Inocentes de Boimorto. Nesta investigación de Mini predomina o seu bo sentido de historiador e memorialista, ao verificar estas accións en función dos datos verificados. É así como se confirma a orixe documental que el achega neste libro. Polo tanto a veracidade expresada nestes documentos non pode ser manipulada, alterada ou interesadamente mal interpretada.

Boimorto: Memoria dun Silencio é un libro no que se configura unha realidade histórica e que vén aportar á Memoria Histórica da Guerra Civil e da Represión na Galiza, cando o ano pasado se conmemorou oficialmente en todo o Estado español e dunha maneira moi particular no noso país.

Esa particularidade manifestouse na recuperación dese magno memorando que durante corenta anos foi oculto e manipulado, aínda os posfranquistas tratan de esquecer os crimes. En Galiza fixéronse avances, nesta materia, e de moi diversas características, como a exhumación de persoas asasinadas e ocultadas en foxas clandestinas; a recuperación de espazos que foron utilizados para reprimir os antifascistas, como é o caso da illa de San Simón; a publicación de excelentes libros como o de Xosé Luís Rivas Cruz (Mini).

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía