xose 1200x230

Fraga e os encarapuchados 04.09.2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal
XOSÉ LOIS GARCÍA
Zoan malos ventos para o PP, cando se fala de sucesión en diversos medios engadindo os voceiros deste partido. Mariano Rajoy está mesmo nas antípodas, ben lonxe da realidade que el vocifera e ambiciona. No debate do Estado da Nación manifestáronse as fendas do candidato a presidir o Goberno de España. As técnicas discursivas de Rajoy convertéronse en verborrea dunha usanza tan vetusta que o propio Maura ou Romanones evitarían dicir en casos tan encerellados sobre política interna. Mariano Rajoy e os seus acólitos non están á altura do que a cidadanía pensa en materia democrática. Os cidadáns do Estado español coñecen moi ben a metáfora aceda e de estética churrigueresca que os políticos de dereita utilizan aínda sen levar chisteira ou sen esconderse entre bambalinas.

Rajoy, o incesante artilleiro de verborrea fácil e de proxectil de curto alcance, vese agora estancado no piago que o vai engulindo. Utilizar a ETA contra o Goberno cun discurso de grandes pretensións e de poucos contidos, en tan rancios desaguisados como os que fermenta o terrorismo, mais agora pásalle factura, mesmo no lado dos seus. Ir mais alá da dialéctica democrática alentando a confrontación entre comunidades, exemplo o de Navarra, levouno ao abismo. A tensión como arma de que os ventos lle foran favorábeis, agora atópase todo o PP ante un furacán tan adverso que o dislocará de sitio. A braveza dese vento xa está en acción e xa todas as intelixencias do PP temen o desastre de marzo. E todo parece que o forte e bravo hipopótamo do PP agora non é mais que unha xirafa en desbandada que trata de protexer a súa alzada cabeza.

Pénsase que a cabeza sensata e pensante do PP e aquela que nunca se reclina ante ninguén, esa é sen dúbida a de D. Manuel Fraga Iribarne, co seu carácter visigótico e coa súa prepotencia aumentada e que ten por súas estas palabras de D. Quixote: "En donde estoy yo está la cabecera".

Fraga falou de preparar sucesión, e todos sabemos como preparou a de Hernández Mancha e adornou naquel alto apousento, dando voces e rachando a carta de submisión que o encarapuchado Aznar lle ofrendaba con venia engadida. Aquelo era o que mais se parecía ao cadro La Rendición de Breda.

Fraga falou e toda clase de encarapuchados, que prebendas queren, xa están posicionados para engulir o pastel da Moncloa que tanto ambicionan, que para o PP non é ningunha breva, todos queren darlle o seu bocado en vertical ou en horizontal.

Pero Fraga sempre olla os seus súbditos en diagonal e este é un don que a todos atemoriza. Os encarapuchados xa teñen diversas carautas, cerimonias varias con errantes penitentes. Todos unánimes para darlle a palmadiña no ombreiro do desesperado candidato. Rajoy non olla os encarapuchados "pero habelos hainos", só intúe que cando o rato troca de burato o queixo que el agarda manducar non está moi seguro.

Din que o apoio é incondicional para investir a Rajoy, mais todos sabemos que a carapucha de dona Esperanza é diferente á de Ruiz-Gallardón e doutros aspirantes, mais o que se esconde debaixo das carapuchas é pensamento único. A danza dos encarapuchados fai presaxiar un extraordinario carnaval para despois de marzo que a todos nos vai divertir.

O encarapuchado de Fraga ou dos fraguistas, ten outro cariz e outras carencias que non tiña o chamado tapado do PRI á presidencia de México. Os encarapuchados do PP non se atreven a tusir, por aquelo de que poden coñecer a súa doenza.

Así pois, o descuberto Rajoy póñase a tremer ante ese enorme vendaval e, sobre todo, ante o que se vai decidir nas urnas. A falta ­dunha oposición decididamente pragmática, capaz de incidir na solución dos problemas da cidadanía, foron capaces de bunkerizarse mentres os encarapuchados remoen a súa propia hipocrisía.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras