logo opinionNormaNormalizar o Valedor do Pobo 18.09.07

XOSÉ LOIS GARCÍA

Hai finezas distinguidas e outras choqueiras que axudan a matar o que aínda se resiste a morrer, como é o noso idioma. Oportunas e necesarias foron as opinións do valedor do Pobo, D. Benigno López, para poder verlle a súa verdadeira faciana. Mais a D. Benigno López non o podemos acusar de falta de sinceridade ou de ser hipócrita, dixo moi ben dito o que en realidade pensa. Mais pensar así expón o estamento que preside a unha baixísima temperatura dese tipo de xeo que sendo frío nos queima. Si, este tipo de xeo administrativo ou mal administrado queima, lamentablemente.
O xurista Benigno López pertence a unha institución, a de xustiza, moi pouco dada a asumir a realidade da lingua galega como vehículo de normalidade. E a anormalidade xa procede da L.A.C. (Lei de procesamento civil, que no seu artigo 142 mostra que todas as actuacións xudiciais, os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais e demais funcionarios dos xulgados e tribunais usarán o castelán. Así, pois, a normalidade do galego é dura de pelar neste ámbito xudicial. Isto non quere dicir que haxa xuristas con plena sensibilidade, con conciencia e implicados na normalización do idioma galego nos tribunais. Claramente, pode que non sexa o caso de D. Benigno López.
Mais o insólito do caso é que os tres grupos parlamentarios elixiran o Sr. López sen coñecer ben o seu perfil; o seu talante coa realidade da lingua galega. As dúbidas sobre a eficacia do valedor do Pobo non están no ámbito xurídico, no desempeño do seu cargo, senón na vulnerabilidade de algo tan fundamental como é a omisión dunha realidade tan magoante como é o tema da lingua galega. O problema da lingua galega!
Para un cargo desta índole, a sensibilidade que se respira no Parlamento galego está en mínimos. O que din os grupos de presión é fundamental para que o Valedor do Pobo as tome en serio e en consideración. E isto está na marxe da ideoloxía que poida respirar o Sr. López. Non me entra na cabeza que o Síndic de Greuges en Cataluña poida propiciar desacertos tan descomunais. Non imaxino a un Anton Canyellas (demócrata cristián) ou a Rafael Ribó (dirixente do PSUC), antigo e actual Síndic de Greuges, respectivamente, emitindo opinións tan escabrosas como as que fixo D. Benigno López. Saben o que acontecería? Que o Parlament Català os fulminaría sen chistar. Poño este exemplo destes dous Síndics de Greuges, tan dispares ideoloxicamente, que sempre foron unánimes no que tocou ao tema do idioma catalán. Por iso o problema pode que non sexa ideolóxico, que no caso do que falamos o podía ser, mais é un problema de falta dunha elemental sensibilidade.
As voces organizadas pedíronlle explicacións ao valedor do Pobo, e este permitiuse dicir que non dera explicacións puntuais porque estaba de vacacións. Isto é insólito, non soamente por quen o fai senón por quen o permite facer: o Parlamento galego, composto por tres instancias políticas: PP, PSdeG e BNG. O demais é cantiga. O ritual de folgar, que agora chamamos vacacións, non pode ser interrompido, aconteza o máis atroz dos casos, porque pode molestar aos deuses nas súas praias. A cousas tan banais, coidan, non hai necesidade de darlles resposta e máis cando se trata de catro alborotadores de rúa, coidan. O dito polo Sr. López non é para que se funda a fachada do Obradoiro, pensan as súas señorías. E todo fica no: "En donde digo, digo; digo Diego".
O noso país ten que prescindir de corporativismos e de solemnizar egocentrismos. Hai que fomentar novas actitudes que remuden vellos esquemas que parece que resucitan o prosaico tufo do pasado. Toca normalizar o país e isto pasa por normalizar, en tódolos niveis, o noso idioma. Nisto non se lle pode permitir a ninguén que faga chanza.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía