logo opinionNo tempo de vendimas facer -25.09.07

XOSÉ LOIS GARCÍA

Os asexos viñateiros están atentos á climatoloxía, ao solano e ás arrogancias pluviais de setembro. O vello cancioneiro, o santoral en verso e moitos dos poetas galegos sinalaron os tempos da vendima; o ciclo estacional de aturuxar cando a dadivosa uva logo vai ser viño. O aturuxo da recolección, como nos tempos da remota Grecia ou da labregancia céltica. Isto indica o limiar de días de vendima, de calores e cantares. Na Ribeira Sacra chantadesa, ao redor do Miño encorado, silenciado e roubado para dar luz ás grandes urbes e ganancia ás compañías hidroeléctricas. Mais no tempo da miña nenez e da miña pubertade, o Miño ía ceibe e cantareiro, igual que un mozo xenial e rebuldeiro.

Nas vendimas de Chantada había un ritual saído do inconsciente de cada vendimador que nutría de encanto as muradas dos socalcos. O poeta local, Avelino Gómez Ledo, ilustrouno así: "O sol chega cos raios a ribeira/ onde a nosa coadrilla moi locente/ -a frol da mocedá máis feiticeira-/ traballa i-aturuxa fortemente". O poeta dá testemuña das frecuencias en que os vendimadores chantadeses poñían ecos en toda a ribeira; ecos da tradición mais suculenta e senlleira. Penso que a xeración dos aturuxos, dos risos choqueiros, dos cantares a flor de beizos reproducían as antergas resonancias. Agora hai outra xeración de vendimadores que, moitos deles, levan nos seus oídos auriculares e escoitan emocionantes cantigas en inglés que pode que non entendan. Así é como se esquece o noso vello cancioneiro de vendimas facer, o que saíu desas vides retortas cargadas de mencía e de godello.

Que diremos daqueles atlantes carreteiros que subían escairos e trepaban tortuosos carreiros de ribeira, cos cestos culeiros. Agora a técnica de transporte tamén trocou de ambientación, dado que os acios chegan á adega por un elevador -bendita sexa a técnica e a modernidade que lle saca traballos e pesadelos a quen facía aquel magoado transporte-.

Mais a ribeira de Chantada é iso: a loita brutal coa natureza, ou a natureza brutal humanizada. E as vendimas son o epílogo dos longos traballos viñateiros. Mais a bendima, alén do aturuxo e dos cantares antigos, está a mestura do lírico co lúdico, como nesta evocación que nos deixou o poeta, Luís Amado Carballo: "Duro coitelo de lúa,/ o aturuxo da raza,/ fai vendima de cantares/ na viña da miña alma".

A cultura da nosa labregancia deu uns trocos brutais, alén das nosas propias necesidades e esixencias. O foráneo e o global levou por diante tradicións que tardaron séculos en articularse nas súas diversas expresións. Non soubemos cultivar as tradicións e as benquerencias que ao redor da videira foron medrando. Esas cepas cultivadas por almas portentosas que entenderon o que a terra fala mainamente e nos seus silencios e segredos.

Despois da vendima, que! Pois as calendas báquicas ordenan o saboroso groliño no seu celme que atavía e aleda os espíritos como nunha salmodia prodixiosa. O viño é un prodixio, un mester cargado de misterios cando se bebe amodiño, como mandan os canons, e non cando o manda a gula. Despois da vendima, viño novo e maduro; magostos e froitos novos como nos di o refraneiro popular: "Castañas, noces e viño/ fan a ledicia de San Martiño".

Quen disto vos fala, fillo e neto de viñateiros, evoca o viño sendo un abstemio practicante e convencido. Os que beben e os que non bebemos viño temos a obriga de cultivar ese produto esgrevio que irradiou cultura autóctona. Non podemos renunciar á cultura do viño galego. As vellas adegas chantadesas deron paso a outras máis actualizadas, como as que producen o viño Diego de Lemos, en Pincelo; Terras de Bendaña e Vía Romana, en Lincora, e Adegas Amedo, en San Fiz. Así é que o misterio do bo viño continúa.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía