logo opinionA reciclaxe do lixo 02.10.2007

XOSÉ LOIS GARCÍA

Nesta miña última estadía en Galiza, reparei en varios contedores de lixo dedicados a diversas materias separadas, no medio vilego e das grandes cidades, e raramente isto repítese no medio rural. Evidentemente hai concellos rurais con sensibilidade que teñen implantado nas aldeas diversos depósitos para introducir materias diversas e outros só un, a onde vai parar todo tipo de desperdicios, desde mobles até restos de comida. A eficacia estrutural que cada concello adopta non deixa de ser discutida en todas as súas actuacións sobre esta materia.

Para ter unha mobilidade en materia de recollida e reciclaxe de lixo cómpre máis información e máis investimento do que hai agora. Galiza é unha das comunidades autónomas que está na cola tanto da información e formación como dos investimentos do que se require na potenciación dunha ecoloxía sustentábel, ou medianamente eficaz para poder progresar noutros ámbitos. Pois, o noso medio rural tan desprotexido e desinformado, tanto polos concellos como pola Consellería de Medio Ambiente, en causa común, teñen que asumir as deficiencias que teñen para poder superar graves anomalías e agresións que se fan contra o medio natural. Cando se instala un contedor de lixo nunha determina da parroquia ten que ir acompañado dunha información, por parte de monitores especializados, para que os usuarios sexan capaces de separar o lixo orgánico do inorgánico, e se convertan en usuarios útiles e cunha mentalidade clara do que eles teñen que reciclar.

Desta maneira contribuirán a que a reciclaxe de materiais como botellas, latas de aluminio, papel ou restos de comida teñan destino diferente. Mais se antes non se informa de que unha tonelada de papel reciclado pode evitar a talla de dez a vinte árbores. Que unha botella de vidro reciclada é capaz de xerar unha economía enerxética equivalente a unha lámpada acesa durante cinco horas. Tamén a materia orgánica ten múltiples destinos que a cidadanía descoñece. E todo isto é un labor das escolas infantís e de monitores para adultos. Non podemos ser un país medianamente ecolóxico se nos faltan estas premisas de información e participación. Ninguén debe descoñecer a diversidade de materias orgánicas ou inorgánicas que o rodean, e que cada unha delas teña un destino se se reciclan axeitadamente e unha produción que substitúa outras materias como é a eliminación dos nosos arboredos.

Corrixir estas deficiencias equivale a implicarse desde todas as administracións, con prioridade de Medio Ambiente que é a consellería que debe administrar información e medios á cidadanía para progresar no apartado ecolóxico. Hai que lexislar en función das necesidades do noso propio medio natural. A reciclaxe de lixo é prioritaria e de primeira necesidade para normalizar a súa recollida, a súa selección e o mantemento de contedores.

En Merlán, a miña parroquia de nacencia, observei que en varios lugares hai soamente un contedor onde se mestura todo tipo de lixo, desde o orgánico até os plásticos, as cadeiras, etcétera. Así está varios días sen recollerse con montóns de moscas proclamando infección. Neste caso, o problema de falta de reciclaxe evidencia a falta de infraestruturas que o Concello de Chantada, neste caso, ten para proceder en ámbitos de saúde pública e de selección de lixos orgánicos do que non o son.

Por outra banda, coido que toda esta mestura orgánica vai parar a unha lixeira común. Hai anos que se vertían nunha das estivadas do monte do Faro, aquilo era ben visíbel para quen pasara pola estrada de Chantada a Lalín. Coido que a lixeira cambiou de lugar, mais as normativas non cambiaron moito. O caso de Chantada podíase trasladar a outras zonas de Galiza das que se poden verificar problemas iguais ou peores.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía