logo opinionNa capital de Pernambuco 23-10-07

XOSÉ LOIS GARCÍA

Alén dos albos neboeiros e o rigoroso azul de Recife descubrimos o perfil de enormes rañaceos cos suburbios pobres onde habitan os fabelados. Todo a punto para inaugurar a Festa Literaria Internacional de Fliporto, onde concorreron máis de 150 escritores de Latinoamérica. Entre lusco e fusco a escritora e profesora, Lucila Nogueira, neta de galegos, levounos ao poeta colombiano, Armando Romero e a servidor, a visitar Olinda. Esa encantadora cidade colonial que foi declarada Patrimonio Mundial da Humanidade. Armando e mais eu ficamos encantados con eses poetas, chamados repentistas, que acomodan espontáneas cantigas evocando a quen os escoita. Os acordes desa viola en man conflúen nesa harmonía de liñas arquitectónicas, onde o barroco fala de seu pasado con enfático encanto.

Lucila Nogueira insistiume en volver a Recife, para cear nun restaurante especializado en peixe, onde me esperaba unha sorpresa. Cando entramos, unha señora sinaloume co dedo, dicindo: "Este é o galego, este" e démonos unha grande aperta galega. Os meus ollos non acreditaban que estaba ante Nélida Piñón. Tamaña sorpresa. Quixo estar á fronte miña para poder conversar sobre a nosa Galiza. Foi unha conversa longa sobre a nosa gastronomía, sobre os escritores: Ferrín, Neira Vilas e Afonso Pexegueiro, por este último ten unha sensíbel simpatía. Nélida, é esa fulgurante estrela da literatura brasileira que pisa terra firme, con firmeza humana. Seus pais eran do municipio pontevedrés de Cotobade que emigraron a Río de Xaneiro, onde ela naceu. Viviu de nena un tempo en Cotobade, e foi aquí onde percibiu a verdadeira Galiza dos sufrimentos emigratorios. Nélida, cando fala das xentes de Cotobade faino con sorprendente devoción. Aquela Galiza emigrante, non sempre sen retorno, é tamén a dela. Cotobade é ese microcosmos emocional que ten varios expoñentes no seu libro: A república dos sonhos. Onde está presente aquela estirpe galega de emigrantes de Cotobade que moitos deles poboaron o Brasil. Nós, os galegos, estamos en débeda permanente con Nélida Piñón, a difusora de convivios e infortunios deses persoeiros tan nítidos da Galiza irredenta que aparecen nas súas novelas. Nélida, alén da escritora, é a persoa que vincula Galiza con Brasil, a que mellor ampara as convivencias dos galegos emigrantes no seu país de nacencia. Nélida Piñón, para os lusistas verdadeiros, é a ponte necesaria entre brasileiros e galegos. A festa literaria de Fliporto, celebrada do 27 ao 30 de setembro, abriuse coa conferencia inaugural de Nélida Piñón e desenvolveuse con moi diferentes achegas que esclareceron a situación da literatura latinoamericana na actualidade. Brasil, sen dúbida, é un enorme potencial de creación literaria que non deixa de ser o verdadeiro motor da literatura lusófona. Este tipo de encontros e congresos na Europa serven máis para facer contactos entre escritores que dilucidar un debate serio sobre a situación literaria actual.

De Fliporto un regresa a Recife, a cidade de Manuel Bandeira e de João Cabral de Melo Neto, dous poetas que tanto individualizaron o home de Pernambuco nos seus poemas. Tiven de guía o escritor e editor Cláudio Aguiar, que me mostrou o lírico e o bucólico de Recibe. Enormes pontes sobre os ríos Beberibe e Capibaribe con estatuas de poetas pernambucanos. O Claudio e a Célia leváronme a Olinda, na flor da tarde, para ollar as igrexas barrocas en diversos outeiros que respiran franciscana vestimenta. Na vella catedral de Olinda un sepulcro para ser reverenciado, o do arcebispo vermello, Helder Cámara (1909-1999). Un ateo coma min reflexionando ante o home que se comprometeu e loitou pola causa dos pobres. Helder Cámara merece un caravel vermello por romper cadeas.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía