xose 1200x230

Axudar a Mozambique 06.11.07
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Quince días por Mozambique achegan moita información do que acontece en África. Un nútrese do existencial, do humano e de tantas carencias que limitan a vida de seus cidadáns. Esta antiga colonia portuguesa precisa de atención. Precisa de atención masiva toda esa poboación sometida polas carencias en que está inmersa e, cada vez máis, esta vai en aumento. Estiven na capital da provincia de Zambecia, Quelimane onde os seus cidadáns van alén do esforzo de cada día para facer presente sen pensar no futuro do outro día. Carencias fundamentais como é a auga, que unha enorme porcentaxe da poboación ten gravísimos problemas de subsistencia e fatais doenzas que desequilibran o esforzo das súas posibilidades máis primarias.

A sida vén sendo a gadaña destrutora que lles sega vidas ós máis inocentes e dos máis precarios. Aínda que a precariedade é esa tebra que apraza a luz dos que viven en noite profunda da insolidariedade. Os irmáns de Mozambique precisan de axudas, non de ideas. África ten ideas para saír dos seus graves problemas de subsistencia. Esoutro neocolonialismo é o que fragmenta e impide o desenvolvemento africano. África ten materias primas que espolian os países ricos e con elas podían cubrir boa parte das súas necesidades. Todos imaxinamos esa espoliación, mais dámonos conta dela cando un está rodeado de tanto infortunio, de tanta miseria e tanto despropósito. Mozambique non precisa de esmolas; precisa dese 0"6% que os países ricos de Europa lle están negando. Moitas das ONG que traballan en África fan o imposíbel por estar puntualmente presentes para solucionar problemas, que moitas das veces o número de excesos fan que todas as persoas se convertan en prioridade.

O Goberno de Mozambique loita contra a pobreza, prioriza e informa de cuestións básicas para reducir problemas de sida e outras doenzas contraídas pola carencia de elementos básicos para combatelos. Os dirixentes do país teñen conciencia da situación e a consigna é unánime co fin de superar todas estas adversidades. É verdade que faltan medios e os que chegan, dunha maneira solidaria, non cobren as demandas. O déficit é claro ante unha situación de carencias que se manifesta en varias zonas xeográficas deprimidas. Todo isto supera as estatísticas que se espalla no mundo rico sobre esta situación. Mozambique non é un caos como sucede noutros países africanos, dado que as autoridades verifican escrupulosamente cada unha das incidencias e anomalías que suceden, co fin de non deixalas evolucionar. Todo isto non é novo nunha África explorada desde hai centos de anos. Moitas das causas desta problemática teñen as súas orixes no sistema colonial e pos colonial. Claramente, a globalización repercute na exploración dos recursos e nas materias primas africanas. O sistema imperialista, fase superior do capitalismo, sustenta a súa riqueza con políticas de pobreza e de marxinalidade que aplica no Terceiro Mundo.

Pese a todo isto, Mozambique pula e trata de superar deficiencias no sector sanitario e educativo. Visitei o Hospital de Quelimane, onde os médicos abren camiños á procura de reforzos sanitarios; nas escolas lóitase por edificar escolas e ter materiais de ensino. A loita continúa neses dous referentes deficitarios. Mozambique avanza con ese afán de superación e pragmatismo que teñen os mozambicanos. Este pobo inventa cousas, sorrille a esa vida pregada de incidencias, comunicando a súa ansiedade de progreso mais que de lamentarse das súas situacións precarias.

Despois de Quelimane estiven na poboación de Maputo, a capital do Estado, onde se mostra outra estrutura máis avanzada e de progreso que se tenta difundir noutras partes do país. Evidentemente, nótase ese afán de progreso e superación nun país que trata de cambiar de estruturas.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras