logo opinionCláudio Aguiar e a súa escrita 13.11.07

XOSÉ LOIS GARCÍA

Cláudio Aguiar (Ceará, 1944, formado en dereito pola Universidade de Recife e doutor pola Universidade de Salamanca) é un dos grandes e recoñecidos escritores de Brasil, cuxa obra ten un perfil variado e de evocadoras suxestións nos seus diversos rexistros que ben nos dan a alta medida deste escritor. Da súa cualificada variedade falemos de catro libros seus con diversas edicións como é o caso da súa dramaturxia que podemos contemplar na súa obra: Suplício de Frei Caneca, aquel sacerdote intelectual e mundano que foi un talentoso emancipador das liberdades de Brasil, e que foi fusilado no 1825. Frei Caneca é un persoeiro histórico que foi levado a varios espazos da literatura brasileira. Mais este drama de Cláudio Aguiar lévanos a ollar doutra maneira este clérigo e patriota, para meternos dentro deste persoeiro en toda a súa dimensión, tanto na conxuntura histórica como na dramática. O poeta, Carlos Drummond de Andrade, aseverou: "O oratorio dramático Suplício de Frei Caneca é obra que, pela inventividade artística, acrescenta um valor novo ao sentido trágico do acontecimento histórico."

Falando doutro rexistro histórico e narrativo da súa autoría encontrámonos cun libro fundamental para coñecer os movementos sociais operados en Brasil, referímonos á coarta edición de "Caldeirão", aquela poboación do Cera que practicou a súa propia solidariedade revolucionaria sendo masacrado polas forzas militares en 1936-37. Estamos ante un libro fundamental de investigación histórica no que se culminan varias temáticas como o proceso histórico dun contencioso; o fenómeno antropolóxico e a conxuntura socioeconómica que revelan a loita dunha comunidade agraria que intentou crear outras infraestruturas e saír das contradicións das que estaban ensumidos. "Caldéirão" é unha novela intemporal que dá pegada na conciencia de quen a lea. Jorge Amado dixo o seguinte: "Para un velho romancista é sempre enorme alegria descobrir um novo colega de oficio. Sobretudo quando se trata de alguém senhor de indiscutíbel vocação servida por grande talento. Caldeirão é excelente".

Cláudio Aguiar ten unha enorme vocación polos procesos históricos que se produciron nas loitas agrarias e de subsistencia no Brasil, así o mostra na súa novela: Lampião e os meninos, na súa terceira edición, configúrase unha das obras máis interesantes da historia dos cangaceiros pernambucanos, cuxo líder foi Lampião, nos anos trinta do século pasado. Unha figura histórica que foi elevado ao mito das benquerencias de moitos campesiños e ao odio dos terratenentes. Moitos pretenderon levar este persoeiro a unha imitación de Robin Hood. Mais nos dez capítulos desta distinguida novela de Cláudio Aguiar, dáse toda unha conxuntura de persoeiros, ningún deles estático, que perfilan accións diversas dentro do contexto tratado con denotada percepción existencial, onde os protagonistas conforman as súas vivencias ao lado dun bandido ou altruísta, como din que foi Lampião.

Cláudio Aguiar non só predomina no xénero histórico de novela. No corrente ano publicou once elementos narrativos que compoñen o libro: O comedor de soños. Singularísimos contos de linguaxe clara e persistente que esclarecen ese seu potencial de argumentación que nos leva a innovadores parámetros que marcan unha viraxe importante na súa narrativa. Contención no argumento; metafísica que xorde de variados ambientes na que se esclarecen primordios que nos obrigan a reflexionar sobre eles. Non estamos falando de narracións herméticas, falamos de recursos estruturados desde un pensamento mobilizante que extrae de varios ambientes dinámicos. Innovar, na idea de Cláudio Aguiar, é descubrir e integrar un caudal de ideas e administralas coidadosamente.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía