xose 1200x230

A Galiza no contexto lusófono 27.11.07
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A relación entre a Galiza e os países da lusofonía, tendo a Portugal como referencia mais inmediata, hai certas carencias estruturais que cómpre superar. E cómpre superalo desde varios ámbitos administrativos e parámetros institucionais. Neste ámbito é preciso un novo dinamismo que repare diferenzas e contradicións para abrir novas perspectivas de intercambio para coñecernos máis e divulgarnos mutuamente. Quizais sexa este o primeiro imperativo dun novo modelo de relación entre a Galiza e a comunidade lusófona, especialmente coa África de expresión portuguesa e o Brasil.

Neste mundo globalizado, a estatística dos idiomas mídense por bloques parlantes retribuídos por millóns de persoas que os falan. O idioma portugués é un dos máis importantes que se falan no mundo, espallado por catro continentes e está considerado como un dos bloques lingüísticos de sólida estabilidade. O idioma galego, ao que concorremos tres millóns de falantes, intervido, degradado e colonizado polo castelán, pertence pola súa orixinalidade e connotación ao bloque lingüístico lusófono e non ao hispano. E se alguén parcela, delimita e contradí esta verdade argumentada cientificamente, que beba das contundencias que nos ofrece o Cancioneiro galaico-portugués e noutros referentes históricos que nos son comúns a galegos e portugueses. Neste caso, resúltanos prioritario salvar un idioma mediatizado e colonizado. E isto só se fará cando Galiza teña conciencia do valor que ten o noso idioma, como atributo esclarecedor da nosa idiosincrasia e, tamén, do valor da lusofonía en varios ámbitos. Coido que ante realidades tan concretas e apoteóticas como que a Galiza é unha nación sen estado, e nisto cabe respectar moitas opinións, teorizacións e reflexións, mais só se debe impoñer o pragmatismo dunha verdade intransferíbel, como é a personalidade e a identidade dos galegos que se manifesta na particularidade do noso idioma. Este idioma que é entendido en toda a área lusófona, desde Portugal ate o lonxincuo Timor Leste, pasando polo Brasil e as antigas colonias portuguesas en África.

Obxectivamente, este noso universo lusófono, cada vez máis coñecido e divulgado, tamén complexo e con certas benquerencias na Galiza, precisa que os galegos teñamos como medida e condición concienciadora estas palabras de Fernando Pessoa: "A minha pátria è a língua portuguesa". Desde o lado galego, co agravio mais rotundo que nos vén dos albores do medievo, cómpre lembrar aínda os seguintes versos do trobador galego, Xohán Airas: "Se mi xustiça non val/ ante rei tan xusticieiro,/ irme hei ao de Portugal".

Estes versos son para os galegos unha metáfora que revela as sinais de identidade dun pobo, dunha comunidade estábel que precisa de entender ben o significado universal da lusofonía. Mais hai unha serie de temarios que aínda non teñen sido desenvolvidos polos que aspiramos a que os outros irmáns na lingua teñan claro o noso perfil cultural e lingüístico. Isto, para moitos galegos, non deixa de ser unha obsesión e non un delirio para encontrarnos e divulgarnos mutuamente, os que temos as mesmas raíces idiomáticas e admitindo variantes fonéticas e ortográficas que non son ­unha barreira en nosas relacións.

No III Encontro de Professores de Literaturas Africanas, celebrado do 20 ao 24 de novembro en Río de Janeiro, coa participación de máis de 400 especialistas nesta área, e organizado pola Universidade Federal do Río de Janeiro, servidor puxo sobre a mesa o temario da divulgación, un tanto especial no campo da literatura lusófona na Galiza e viceversa. Desde esta preocupación, como divulgador das literaturas e de outros ámbitos sobre a lusofonía, son optimista ao observar certos referentes do que debe representar Galiza na lusofonía.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras