logoGrupoCorreoNo centenario de Mircea Eliade - Martes 02.01.2007

Xosé Lois García

O presente ano, 2007, tráenos á memoria a celebración do centenario do eminente investigador romanés e sempre presente, Mircea Eliade (Bucarest, 9 de marzo de 1907-Chicago, 22 de abril de 1986). Sen Eliade, o mundo sería máis pobre, en conceptos metafísicos sobre o cosmos, nos seus referentes históricos sobre as relixións. Por tanto, quen queira disuadir ignorancia, sobre a complexidade do universo do mito e das relixións, ten que acudir ás investigacións de Mircea Eliade.

Para rescatar o pensamento formativo das relixións, na súa totalidade, temos que ir obrigatoriamente ás fontes da ciencia relixiosa que nos descubriu Eliade. Falamos do misterio relixioso, non de mística relixiosa, que son dous conceptos ben distintos e ben dispares nas súas descubertas. E neste horizonte de tramas interpretativas que deron lugar a moitos desconcertos e filosofías mentireiras, aparece o intelectual romanés coas súas conclusións de análise.

O primeiro despunte de Eliade, aos seus catorce anos, foi ao publicar o seu primeiro traballo de busca filosófica, titulado: Como descubrín a pedra filosofal. Este foi o seu despregamento total, ao camiñar polo túnel escuro procurando os vestixios do homo erectus para comezar a articulación do seu pensamento que orixinou o seu primeiro agromar relixioso.

Mircea Eliade foi á procura da identidade e dunha serie de elementos perdurábeis baixo o disfrace daquelas sociedades antigas que nos legaron tantas pautas e condutas supersticiosas que evolucionaron desde un centro cara a outros puntos asimétricos da periferia dese centro. Eliade artellou, minuciosamente, toda unha descuberta unánime que dependía dese centro inicial.

Os resultados foron positivos porque Mircea Eliade configurou unha serie de claves baseándose nos comportamentos míticos daquelas sociedades arcaicas e primitivas. Libros seus como O mito do eterno retorno, Mito e realidade, Mitos e soños, Historia das crenzas relixiosas, O sagrado e o profano, Ioga, inmortalidade e liberdade, entre tantos e innumerábeis traballos de investigación, dannos a medida portentosa dun home moi especial nas súas investigacións e descubertas dun universo tan fráxil, incógnito e secreto.

Mais enormemente utilitario para os que andamos na busca e na interpretación dos símbolos e da semiótica das sociedades antigas e na iconografía aínda sen desvelar.

A Mircea Eliade chamoulle a atención un opúsculo de Carolina Michaelis de Vasconcelos, titulado A saudade portuguesa (1914) e a partir deste traballo formalizou unha investigación sobre a saudade nun traballo titulado: Dor Nostalxia romanesa, publicado en 1943 en El Español (Semanario de la política y del espíritu, no cal afonda en varias parcelas da saudade e o que representa para galegos-portugueses. Unha achega necesaria na que fai destacar un conclave de poetas na tradición saudosista de Camões e até chegar a D. Dinís e a escola dos Cancioneiros galaico-portugueses.

E nesta dirección descóbrenos algo marabilloso no entroncamento da saudade coa dor romanesa, remarcando: "O romanés canta a súa soidade, seu amor e súas mágoas, tomando por confidente o mundo vexetal que o rodea", como mostra esta cantiga: Eu cántolle á cerdeira,/ Coa saudade de meus pais;/ E canto aos altos piñeiros,/ Pola Dor de irmáns viaxe.

Nesta fecunda e eterna viaxe, Eliade achéganos a esa "Dor" consentida e emancipada polo poeta nacional de Romanía, Mihai Eminescu, autor destes saudosos versos: Os bosques queren a miña alma/ Ábranse para repousar/ E ceo sereno cubra/ A auga profunda e calma. A "Dor" sentida por Eminescu, fica irmandada coa saudade de Camões e Rosalía.

Por tanto, merece a pena recluírse na magnífica aventura iniciática de Mircea Eliade.
Martes 02.01.2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía