logo opinionA confabulación dos bispos 15-01-2008

XOSÉ LOIS GARCÍA

Se as imaxes televisivas da concentración de Madrid, convocada polos bispos, foran en branco e negro pensariamos que se trataba do NODO franquista, onde a igrexa española escenificou, nas prazas públicas dos anos cincuenta, a cruzada do Padre Peyton e a parafernalia misioneira onde acudían as masas por obrigado cumprimento da ditadura. Mais o destaque noticioso estaba no trío integrista dos purpurados: Rouco, Cañizares e García-Gasco que parecían a reencarnación do vetusto trío cardinalicio: Payá, Gomà e Segura que tantos sobresaltos lle produciron a este país. A mesma pose e a auténtica obsesión repítese do pasado que xa pensabamos superado.

Non resultan estrañas as verborreas apocalípticas que se fan desde a Radio dos Bispos e da santa cruzada que se arenga desde diversas canles integristas. Renace un novo Nacional Catolicismo no que o PP non está ausente e que concorre a el sen matices? Non sorprende que o credo e a política configuren ideas retrógradas para que o seu status sexa intocábel. Esta estratexia exprésase nun contido político que procede da confabulación episcopal. Que un arcebispo lles recomende ás súas ovellas votar a Falange Española non é unha idea ridícula ou desatinada por parte dun xerarca que conxuga a súa chamada coas que fixo Ratzinguer en Ratisbona, a de ocupar espazos políticos. Este apelo ten resposta no episcopado español, tan pendente e obediente a outro trío que conforman Ratzinguer, Bertone e Rouco. Bieito XVI, no Sínode dos Bispos, deseñou unha estratexia para a reconquista de Occidente que se sintetiza nestas súas palabras apocalípticas: "Unha viña devastada por xabarís". Pode que a viña sexa España e os xabarís sexan do PSOE e de toda a esquerda, que para el aínda leva cornamenta de castrón e rabo de harpía. Esta cruzada sintetízase na beatificación tan particular que se fixo dos antirrepublicanos. E non dicimos isto gratuitamente despois de oír a deputada do PP, María Salom, que acusou o Executivo de Zapatero como transgresor e destrutor da familia católica. Polo tanto, a confabulación entre credo e política está servida, e a estratexia de asalto ao poder en tempos de eleccións tamén.

Digamos que este acoso e derruba contra o Goberno de Zapatero non é máis que a utilización do Estado español como campo de prácticas para despois facer unha ofensiva en toda Europa, por parte do Vaticano. Hitler tamén utilizou o territorio español para probar as armas ofensivas e o resultado vémolo naquela Guernica masacrada. Diferentes estilos, diferentes voracidades.

O Goberno ten que reaccionar con firmeza e dar por finalizado o Concordato de 1979, realizado por unha UCD que concedeu privilexios, se cabe, máis que os que se contemplaban no Concordato de 1953. A realidade actual está marcada por ese baremo que expresa categoricamente que as parellas xa non casan polos ritos tradicionais e os que o fan van maioritariamente aos concellos. Mentres, os bispos convocan manifestacións, os bautismos, as primeiras comuñóns e as confirmacións baixaron en picado. A mocidade declárase agnóstica e atea; as igrexas están máis baleiras e aos seminarios téñenlles que dar outro uso. Dicía Pi i Margall, hai máis de cento corenta anos: "Que importa que teñan templos se están baleiros da xente que pensa". Todo isto testemuña unha variante en todo o organigrama social e relixioso que se contemplaba até agora e que clarifica bastante ben o camiño que hai que coller.

Neste temario é preciso que o Goberno reaccione, derrogando o Concordato de 1979 e convir nun novo Concordato que contemple a separación total entre o Estado e a Igrexa. E practique o laicismo como o fai Francia e a católica Irlanda. Onde os conflitos están ausentes, por parte da Igrexa, da vida civil.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía