xose 1200x230

A caza do raposo 29-01-2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Os xornais galegos fixeron insistente eco sobre a caza do raposo en varios puntos de Galiza. Nos tempos que corren o tema non deixa de ser insólito e aldraxante para unha especie en perigo de extinción como é o raposo. As fotos que se publicaron en varios medios non deixan de asombrarnos como un cazador, ao estilo desafiante de John Wayne, pasea polas rúas de Rodeiro (nas terras do Deza) e ergue o seu trofeo que non é mais que un raposo asasinado.

O máis insólito, quizais, é a benevolencia ou o desinterese da Consellería de Medio Ambiente da Xunta, a non prohibir a caza total ou se quer nun tempo en que o raposo está en plena reprodución. Un tema tan candente que no Reino Unido ergueu voces e actitudes contra a caza do raposo que chegou ao propio Parlamento e se lexislou, con certa coherencia, a preservación desta especie. O silencio administrativo tamén é cómplice desta desfeita da nosa fauna, nun hábitat extremadamente desprotexido como son as dúas bandas da serra do Faro e unha delas pertencente ao municipio de Rodeiro.

Lembro da miña infancia que se algún dos cazadores conseguía matar un raposo -polo interese económico que lle achegaba a súa pel- o entregaba durante dous días aos rapaces, que o levaban pendurado nunha padiola pedindo ovos que a xente agraviada doaba e maldicía o depredador de galiñeiros. Mais cando un pensa que estes comportamentos estaban superados aparecen uns señores con espingarda e convertidos en devastadores de animais que eles consideran este mortificante divertimento como deporte.

As prepotencias maniféstanse de moi diversos signos e maneiras, e unha delas é a de mutilar a presencia dunha fauna que máis que nunca está indefensa por moitos motivos estruturais que se deben a cambios cíclicos e a unha falta de protección por parte das institucións.

A caza do raposo rompe un dos elos da cadea de sustentabilidade ecolóxica. E neste sentido, a razón dos datos estatísticos deben estar por riba de calquera lei onde a insensatez e a insensibilidade transgreden a lei natural.

Degradación e depredación da nosa fauna son indicativos da de­sorde permitida polas autoridades competentes. Fálase de cincuenta e cinco grupos de cazadores que farán batidas de raposos, e isto si que vai axudar á diminución dun dos mamíferos máis emblemáticos de Galiza, que no pasado foi odiado, pero tamén admirado e erixido como protagonista de sabias fazañas e de ilustradas lendas.

O raposo pola súa capacidade de adaptación é un dos animais montesíos que menos depreda animais domésticos. Os cazadores que campean ao estilo conquistador do far west son conscientes, pola información que hoxe teñen, do rol que desempeña a nosa fauna no medio e da vulnerabilidade á que está sometida. Isto é un problema de educación, pero sobre todo de reflexión. Nesta dirección, é preciso frear estes espectáculos crueis dado que é un tema que nos incumbe a todos e, para isto, cómpre unha lexislación que remate con estes desaforos.

A desprotección da nosa fauna evidénciase na falta de planificación e de ordenación de espazos naturais que se convertan en verdadeiras reservas da biodiversidade da flora e da fauna. Na Galiza faltan proxectos ambiciosos de preservar o noso medio natural e isto implica planificar a conservación de varias especies autóctonas en vías de extinción.

Neste caso, á caza do raposo podiamos engadir outras especies como as papuxas do Val de Lemos e das ribeiras do Sil, en vías de extinción debido ao abuso indiscriminado de caza no que se utilizaron diversos artellos de apresamento, foi así como a poboación de papuxas diminuíu considerablemente. A voracidade foi tan cruel que os que se dedicaron á depredación destas aves agora lamentan a súa falta.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras