logo opinionA ollada de Estarté 05-02-2008

 

 

XOSÉ LOIS GARCÍA
O poemario de Pura Salceda (México, 1961) A ollada de Estarté (Espiral Maior, 2007) confírmanos que a poesía amorosa galega está nunha magnitude evolutiva que xa non cede a outros modelos modificables. A nosa poesía amorosa e erótica está presente en cuestións como é a liberdade humana; a proclamación existencial e a fascinación polo corpo nu e non depredado por castracións e escurantismos.

 

Pura Salceda irrompe no campo da lírica preocupada por unha serie de cuestións de tipo formal que superan diversos rexistros nos que se enmarcou certo tipo da poesía amorosa galega. É evidente que as tendencias poéticas evolucionan e as intensidades expresivas tamén. Formular novos valores poéticos que culminen en obras tan depuradas como a que estamos comentando é sempre unha ledicia para a nosa poesía. E isto acontece porque Pura Salceda non se refuxia en formulacións que non veñan suxeridas por unha reflexión que incide na palabra licitamente estruturada. Isto confirma que Pura Salceda non naceu poeta, fíxose poeta nesa súa pertinente busca da palabra concertada e puntual con que erixe os seus versos. As técnicas de composición, nos seus diversos parámetros, confirman a arte creativa en que esta poeta galega procede a innovar fórmulas que parecían estar ancoradas por expresións atípicas na poesía feminina galega. Este libro, pois, sae fóra dos padróns culturais nos que a poesía amorosa galega respiraba certas fórmulas estáticas.

 

Falamos dunha poesía que retoma acentos e ecos daquela poética que serve de código perpetuo do que foi dito e cantado en versos, sobre o amor puro e dos seus diversos primordios. Pura Salceda lévanos desde as súas emocións de amatoria a lembrar o amor dos etruscos, a poética taoísta, os tons da poesía anónima africana, a poesía das amadas bedas, pasando por Safo e a poesía clásica grega e dos poetas latinos como Ovidio. E nesa caudalosa e suculenta ancestralidade poética, Pura Salceda confírmanos que ela está nese punto álxido de ir ás raíces da tradición. Isto é excelente cando un poeta refusa de encubrimentos artificiosos e recorre á universalidade do amor non profanado e intemporal.

 

Dentro das diversas variedades da poesía erótica galega hai certa dispersión na forma e na linguaxe erótica. Pura Salceda é unha poeta que emerxe coa innovación de símbolos, metáforas e indagacións que forman parte do seu misterio de ver e conformar as cousas doutra maneira das que non se ten falado ou suxerido. Dicía Octavio Paz que o poeta debe falar das cousas máis íntimas do seu propio mundo, cando é capaz de introducirnos noutros mundos que non chegamos a percibilos. Non falamos de metafísica poética, falamos dunha poética concreta que impacta e crea emocións; que flúe do seu propio mundo e do que a circunda, nese seu sentimento existencial que supera calquera melancolía, romanticismo e paixón choromiqueira. Na poética de Salceda atopamos varias marcas de madureza formal e intuitiva, onde non se brinca con tópicos nos que tantas veces concorreron certos poetas de amatoria.

 

Pura Salceda é autora de dous poemarios, o primeiro deles, titulado Versos de perra negra e o que estamos tratando. Os dous son de amatoria mais de diferente rexistro. En A ollada de Estarté xorden dous elementos claves, un de proclamación e outro de ocultamento. No primeiro, a poeta necesita anunciar o amor dunha maneira desvelada e enfatizando as emocións do ser amado e do seu amador, como conquista. O segundo, a poeta fala desde o seu adentro cautelosamente sen ferir ou brincar co lector. Neste discurso poético non hai artificios, non hai dobre linguaxe e isto é fundamental para que a temática sobreviva e fique protexendo as emocións que florecen na palabra nas súas máis distinguidas perfeccións.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía