logo opinionOs antípodas de Rajoy e Cia 12-02-2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
Entre rancio e vetusto, Mariano Rajoy desata o seu frenesí con locuaz perturbación e patética ortodoxia. Parece que o furado do seu embigo é o único ollo egocéntrico polo que mira as vértebras de España e obsesiónase cos catro maiores monstros que el inventou: o Plan Ibarreche, a conspiración do 11-M, a negociación con ETA e a economía. Esta chocallada puidera impresionarnos, mais a son de tango gardeliano que coa voz solemnizada e enganosa de Rajoy. Así que o epígono ou diácono de cerimonias de Aznar, que aspira a gobernar os españois mais o destino preparoulle a súa propia decapitación e o prostrou sobre as cinzas das súas verborreas inquisitoriais, dentro e fóra do parlamento.

Asesores, meigos e adiviños do PP, como Acebes, Zaplana, Arias Cañete e Cia, converteron a Rajoy nun fiel devoto do lehendakari Ibarretxe para demonizar a Zapatero como un vende-patrias. Un discurso ben configurado nas diatribas de Le Pen e de ridícula montaxe extremosa. Así pasaron meses difamando até que o Plan Ibarretxe tivo caducidade parlamentaria.

A continuación, apareceron as conspiracións do 11-M, todo radicaba en que o Goberno tramaba e ocultaba a verdade. Os mesmos dirixentes do PP estaban fascinados co prodixioso invento, menosprezando as investigacións periciais dos servizos secretos e das concrecións dos tribunais. E isto mantívose en pé durante o xuízo que desmantelou todas esas argalladas. Mais os impostores continuaron acusando a ETA como a autora dos masacres do 11-M.

Mais este pretexto serviulles para agudizar a súa tentativa de descolocar o Goberno de Zapatero, cando anunciou conversas con ETA. O gran pánico de Rajoy e Cia foi o de sospeitar que as negociacións levasen ao final de ETA, e tramaron toda unha prédica e unha estratexia ben contraria ao que o Goberno de Aznar estimulou coas negociación do 1999 co grupo armado vasco. Un arrebato de hipocrisía ben concertado clarificou moi ben os postulados do PP, entre o que son os intereses xerais e os intereses de partido. Rajoy vese coa careta enigmática de Hamlet, entre "ser e non ser".

Esa persistencia mediática utilizouna Rajoy con alusións conspirativas co fin de rendibilizalas en ocasións electorais. E cando estamos en campaña preelectoral saca da manga a un amiguiño de Aznar, o Sr. Pizarro, para mostrarnos que a economía do Estado español vai mal. En Cataluña sabemos moi ben quen é Manuel Pizarro, o dos apagamentos de luz do verán pasado en Barcelona; o dono do señorío de Endesa que levou unha boa tallada para as súas contas privadas.

Aquí vemos o etrusco Rajoy montado nun cabalo tebano desbocado que o introduce nos antípodas. Un dos dons que tivo o Goberno de Zapatero foi o de orientar e normalizar unha economía desaxustada polas privatización de empresas públicas do Goberno Aznar. As confabulacións de Rajoy e o seu equipo visionario caen polo seu propio peso. Se os gringos están metidos nunha recesión económica e os síntomas se mostran en Europa, no miolo da CEE, o Estado español non é unha excepción. Neste sentido, non hai moito, que Rodrigo Rato mencionou que as orientacións de Pedro Solbes eran das máis correctas que se realizaban en Europa nun período de crise.

É insoportábel que Rajoy menosprece o colectivo gay, tan perseguido polo franquismo e pola dereita mais rancia deste país. Ser gay é un acto de liberdade persoal -diría máis, na situación actual- é unha conquista democrática, con dereitos e deberes de cidadáns normais e libres que son. Atacar a gays e lesbianas é unha ofensa contra a intelixencia. Este discurso xenófobo do PP continúa contra dos emigrantes, tratándoos de delincuentes e intentando crear confusión entre os votantes. Esta situación límite precisa de reflexión e condena cidadá.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía