logo opinionEmigración e marxinación19-02-2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
A dereita deste país sempre a dar couces contra a emigración, pendurándolle sanbieitos e falsidades múltiples aos que procuran mellorar as súas carencias e poñéndolles atrancos aos que desexan harmonizar a súa propia dignidade. Triste realidade para os que procuran traballo cando dan co explotador de quenda que os coloca mesmo no centro da súa cobiza en deplorábeis situacións para telos sometidos e afastados dun salario xusto e dunha protección que dignifique o seu labor persoal.

O expresado por Rajoy e os seus locuaces propagadores, son boatos xenófobos que lexitiman a explotación do mais débil, que determinan a súa marxinación en beneficio de non poucas sumas de intereses económicos baseados na explotación do outro; extorsionando o que é de diferente cor e o que carece dunha cualificación profesional; formas varias de aplicar a desigualdade e manter os emigrantes no gueto máis vil da explotación.

E estes guetos foméntanse e constrúense a base de lanzar mensaxes coma os de Arias Cañete, que os camareiros xa non se comportan en puro casticismo madrileño. Mensaxes absurdas pero que son un revulsivo contra dos emigrantes; que calla na masa máis desculturalizada e menos pensante deste país. Receptoras e transmisoras deste tipo de mensaxes, de que os males de actualidade que acosan a eterna España proceden dos emigrantes.

Nesta dimensión móvese a propaganda do PP á caza de votos incautos, polarizando unha difamación contra os emigrantes que achegan non poucas riquezas e consolidan unha economía máis dinámica. Mais a maioría de labores que os nativos detestan son realizados por unha man de obra emigrante que recibe salarios de miseria e moitas das veces están fóra da lei. O panorama, pois, non deixa de ser do máis sombrío para estes traballadores que carecen de vivendas dignas e doutras estabilidades que propagan a precaria situación en que están sumidos. E isto si que fomenta marxinación e non poucos desvaríos, confinando os emigrantes a unha modalidade paupérrima de vida en barrios formados só para os excluídos.

O PP ergue bandeira para colocar o emigrante no terreo da delincuencia. A delincuencia en todo o mundo ten outras connotacións ben claras no contexto da loita de clases; na relación entre explotador e explotado.

A cadencia de valores laborais ou das extorsións que recae sobre o traballador foráneo. No que respecta á realidade actual, o PP, sen paliativos, culpa a emigración de ser a que pon a seguridade dos españois en perigo. Esta maneira de degradar o emigrante emerxe en toda a dereita europea, mais a dereita actual que representa o PP é a máis iracunda no momento de falsear a realidade acusando os emigrantes de que alteran a vida publica e laboral.

Sobre esta cuestión, o PP trata de colocarnos nun escenario perigoso ao sentenciar un colectivo tan inmenso como o que representan os emigrantes, tratando de devaluar condutas e comportamentos dos que procuran xustiza social e un acomodo na sociedade na que viven.

É tráxico cando un partido se recrea na infelicidade dun colectivo tan marxinado como os emigrantes. Todo isto transcende alén ­dunha situación de querer relacionalo coa delincuencia. Emigración igual a delincuencia é o que a dereita fomenta acotío con odio a quen atravesa o mortífero mar, prófugo da indixencia, en procura dun traballo que o dignifique.

Denigrar os emigrantes é inadmisíbel nun país que desde o século XVI até hoxe foi emigrante. Se damos unha mirada atrás verémonos todos no espello emigratorio de diferente forma e explotación. Así é que a dereita, que sempre buscou causas para que os españois emigrasen no seu beneficio, continúa desgarrando o emigrante.

Neste país, todos formamos parte dos traumas da nosa propia emigración.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía