logo opinion A tempestade que devorou a Rajoy 11-03-2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
Dicían os gregos que o vento era o espírito dos deuses que levantaban ondas barafundeiras e batían contra as naves de Ulises. Rajoy está moi lonxe de ser o prototipo do heroe desta odisea electoral. Os votantes erixiron o seu espírito para calmar as desmedidas tempestades que Rajoy movementou durante os catro anos de lexislatura. Sabemos que Rajoy é un apéndice do peor presidente que tivo esta democracia, Aznar, e doutros políglotas do aznarismo máis rancio, como Zaplana, Acebes, Aguirre, Cañete e un lamentábel etc. Nautas que escolleron un bravo mar sen pór en orde o compás e os salvavidas. Por iso o naufraxio foi inevitábel. Que importa que gañara escanos se o obxectivo de ocupar a Moncloa ficou truncado.

 

Soberbia, argalladas e mesquindades do PP remataron por aborrecer o persoal e pasarlle unha factura que se cuantifica en máis anos sen poder. Ese poder tan ambicionado polos pepés que até o máis inxenuo en política percibiu o asunto de que a vaca debe dar boa cría. O resultado das urnas tiña que ser máis avultado, mais a memoria dos votantes resístese a esclarecer puntualmente os barullos que durante a lexislatura promoveu o PP co seu discurso numantino, dinamitando os adversarios con mentiras ou con medias verdades, este non é o estilo dunha dereita fiel aos principios democráticos e meridianamente pragmática. Rajoy embarcouse sen percibir tanta tempestade de ambicións personalistas que dela saíu ileso nestas eleccións, aínda que gañar cinco escanos non modifica para nada estar en mellor posición nin evitar que o PSOE se achegase máis á maioría absoluta ou poida gobernar con mellor comodidade que na anterior lexislatura. Precipitarse con tantos tenteos desiguais, afirmando cousas e despois negalas sen ver as consecuencias e a preponderancia do desastre e enganando cunha frialdade tan nociva. Moitos percibimos que o banquete dos sensabores tíñaos que mastigar o PP na súa máis egocéntrica soidade.

A democracia concértase con argumentos e médrase nela con verdades, sen adulterar o ambiente que nos leve a unha confrontación, primeiro ruidosa e despois ruinosa. Esta é unha das leis máis simples de convivencia da que xa nos alertou dela o vello Aristóteles. Neste sentido, coidamos que o PP aínda está na máis primaria das argumentacións de desgastar o adversario dándolle couces ao seu propio aguillón. Por esta razón, Rajoy aprendeu as leccións do aznarismo máis teimoso e de recalcitrante nacionalismo españolista que o levaron a contradicións moi exasperadas ante a realidade do país.

Rajoy non tiña programa de goberno, el foi improvisando en función das movidas de Zapatero. Estar á expectativa do outro equivale a ser un cazador cazado. Non houbo coherencia discursiva de estar nos puntos centrais que máis lle interesan á cidadanía. Importaba máis o descrédito do adversario que definirse con firmeza ante problemas que necesitaban de arranxos conxuntos de goberno e oposición. Rajoy agarrouse ao absurdo dos acontecementos lexitimando a súa dureza; exerceu de oposición ao goberno e ao resto da oposición. A linguaxe demagóxica foi única. E este tipo de cinismo págase moi caro.

Esta derrota é moi útil para que o PP esqueza as súas propias miserias e procure unha nova dialéctica sen crispacións baseada no diálogo e sen acicates. Mentres o poder da FAES e dunha extremosa dereita que se acomoda no seu seo e cunha linguaxe áspera como a de Esperanza Aguirre, ou a fachendosa diatriba proceda do dúo Acebes-Zaplana, o PP estará condenado a continuar coa mensaxe pregada de galimatías, e, por suposto, Rajoy estará fóra do novo escenario político que marcará esta nova lexislatura, e pode que sexa a súa propia ruína.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía