xose 1200x230

A resistencia do BNG 18-03-2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
O transvasamento do chamado voto útil, como sabemos, non lle afectou ao BNG, nas pasadas eleccións do 9 de marzo. As lecturas sobre este feito poden ser moitas e de diverso signo pero o máis significativo foi o impacto de resistencia en que quedou esta opción política. Nestas eleccións o bipartidismo foi unha realidade. Ficou constancia significativa do chamado voto útil, polarizado nos dous grandes partidos de ámbito estatal. Sabido é que o PSdeG-PSOE lle rapinou votos ao BNG en Ourense e Pontevedra. Os nacionalistas melloraron na Coruña e en Lugo. En Ourense perderon máis de mil votos que contabilizou o PSdeG-PSOE, nunha circunscrición feudataria do PP.

 

O máis indicativo é que o BNG formando parte da chamada conxuntura nacionalista do Galeuzcat, a factura que se lle pasou ao PNV e a CiU, o Bloque saíu indemne. E isto pode que se deba do ir e vir pasiño a pasiño dos nacionalistas, que non deixa de ser un acto de coherencia para afrontar os grandes retos que supón gobernar e compartir un poder limitado dentro do bipartito. Inevitablemente isto supón desgastes. Perder votos e manter os mesmos escanos ten un significado de resistencia que só se debe a unha confianza no porvir do noso país. Neste sentido, o bo traballo sempre achega resultados transcendentes nos momentos puntuais e nos eventos tan extremados como os que se verifican nos resultados dunhas eleccións.

O máis importante destas eleccións en Galiza é que o PP está en retroceso e isto tamén ten a súa lectura que de cara ás autonómicas do ano próximo non se prevén augurios de que os pepés melloren esta situación, quizais por tres indicativos fundamentais: a falta dun líder de cohesión e de atracción nos grandes debates, fronte ao PSdeG-PSOE e ao BNG. Núñez Feijóo está á baixa no combate dialéctico. Na Galiza sempre predominou o voto decantado por quen goberna. Estar Zapatero no Goberno central e o bipartito no Goberno autonómico non vai facilitarlle vantaxes ao PP. O último dos indicativos, marcado polo voto nestas eleccións, é que a cidadanía galega está superando os vellos traumas da confusión caciquil do período autonómico de Fraga Iribarne. Crear un novo proceso, a dous, para superar unha herdanza de incrustados vicios administrativos e que o cidadán estea nun ambiente de fiabilidade e superación é para connotar un cambio cuantitativo. Coido que o PP sabe que agora as eleccións en Galiza non se gañan con pepitorias de polbo e empanada ou ameazando os xubilados que votar o que non sexa pepé e perder a paga. Estes medos foron superados polo electorado galego, felizmente. Así é que o voto cativo xa é menor e outras xeracións entran en escena superando vellos lastres.

Dez escanos dos socialistas e ­dous dos nacionalistas fronte aos once dos populares abren nova fenda. A liña trazada polos votantes é a testemuña máis evidente do que se pode aveciñar nas próximas eleccións autonómicas. Todo este talante de conquista de voto para nacionalistas e socialistas, en detrimento do PP, manifesta, tamén, que os votantes galegos se posicionan fóra do oco vicioso e frustrante da dereita. Mais a vitoria aínda non é certa, fica moito traballo por facer. Concienciar non se improvisa con discursos fáciles ou parrafeos amenos. Concienciar significa "petar na alma do povo...", como dixo Castelao.

A resistencia do BNG, nestas eleccións onde minguou o voto nacionalista en Cataluña e Euscadi, significa que o camiño andado polo nacionalismo galego é o correcto. Neste sentido, tomen boa nota os detractores, oportunistas e kamikaces que descargan furias e burlas contra o nacionalismo. O nacionalismo galego semella unha bóla de neve que canto máis roula máis integra, o seu potencial, nova inercia na que se concreta a forza da nosa nación.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras