xose 1200x230

Tíbet: cobiza de colosos 01-04-2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Sírvanos de preámbulo e reflexión as seguintes palabras do Dalai Lama que pronunciou na cidade indú de Dharamsala en outubro do 1995: Tíbet independente non era un país desenvolvido no sentido moderno. Non obstante, posuía unha civilización e unha cultura altamente desenvolvida. Hai séculos, Tíbet, como a maioría das nacións, serviuse de guerras violentas e de conquistas para estender o seu territorio e enriquecerse con tesouros materiais. (...) O corazón pacífico e satisfeito non aparece de modo súbito. Mais xorde dunha profunda comprensión, dun estar de paz e dun xenuíno amor. Esta pragmática dada pola máxima autoridade relixiosa de Tíbet ilustra dúas fases importantes da historia tibetana. Aquela vella nación, temida e coñecida polos chineses e nepalís co nome de Si-tsang na que se rexistraron turbulencias entre o poder político e o poder relixioso. O budismo tibetano dunha longa traxectoria autóctona deseñou un novo perfil que o diferenciou dos seus veciños, mais isto non impediu devastadores flaxelos a través da súa historia.

Quizais a colonización británica foi a que máis alteración provocou en Tíbet. Coa retirada británica no 1908, os chineses realizaron unha nova invasión, destituíndo o 13 Dalai Lama. Un novo proceso de colonización comezaba con diversas variantes do dominio inglés, por parte de China. Mais neste proceso vense luces que interrompen a sombría situación. Até que no 1950, o triunfo da revolución comunista en China asociou unha nova invasión, poñendo en fuga o Dalai Lama e toda a súa corte de monxes. Era obvio que o atraso económico e o clasismo dominante foron un pretexto para que o poder comunista lanzase unha das máis estritas invasións e integracións desta vella e épica nación. É verdade que os chineses reformaron e modernizaron varias esferas sociais e económicas e lle deron un talante progresista a Tíbet. Mais a estrita e persistente persecución contra o poder relixioso foi unha realidade e, en boa parte, os dereitos humanos foron ignorados. E cando se ignoran os dereitos dos pobos a decidir por si mesmos, e os individuos que postulan esta aspiración son encadeados e fusilados, é cando o conflito se acentúa e o odio entre o vencedor e o vencido é insostíbel. A represión é o espellismo máis revelador desa situación que agora temos á vista.

Os actuais acontecementos en Tíbet dimensionan o conflito entre esta asoballada nación e a China. En todo isto hai un ingrediente novo e nada sorprendente como é a intervención asolagada da política imperialista norteamericana ao encirrar os monxes tibetanos nun momento clave en que China, dentro duns meses, inaugura en Pequín os xogos olímpicos. Non se nos esquece esta táctica empregada polos ianquis nos xogos olímpicos de Moscova cando a URSS, no 1980, organizou os devanditos xogos, e na altura o poder comunista ruso tiña invadido Afganistán. O pretexto serviu, naquela ocasión, para que varias delegacións non asistiran. O que remata de dicir Sarkozy, de non asistir aos xogos, está dentro desa confabulación de descreto contra unha das potencias que lle fai sombra a Occidente. E nesta situación non é estraño que outros países da órbita imperial americana tendan a executar a consigna.

Nesta macabra historia de intereses opostos por parte dos grandes colosos imperialistas pouco importan os Dereitos Humanos, por moito que se fale deles e se ignore o seu cumprimento. Uns incumpren os dereitos máis elementais do home co tiro na caluga e os outros coa cadeira eléctrica. Para os EEUU e os seus aliados, as liberdades de Tíbet pouco importan, o caso é crear tensión co inimigo chinés e que a represión que se efectúa contra os tibetanos sirva de impacto propagandístico. Por tanto, o acedo pastel está servido.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras