logo opinionNa morte de Aimé Césaire 22.04.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
Nancy Morejón, desde Cuba e nun apremado e-mail, dábame a noticia do pasamento de Aimé Césaire (1913-2008). A noticia sorprende a calquera africanista que toca as teclas da universalidade da Negritude e sobre todo para os antillanos dado que el naceu e finou na minúscula illa de Martinica, patria, tamén, de Franz Fanon. Aínda que un non crea nas iconas e se resista aos mitos, ten que pasar polo transo de situarse na magnitude da enorme obra de Césaire, que lle serviu aos negros como unha das armas para recuperar a identidade africana e esclarecer a loita contra a marxinación e o racismo. Isto foi unha realidade a través da chamada Negritude creada polo propio Césaire. Dicir Negritude equivale a dicir anticolonialismo e é aquí onde radica a pormenorizada obra de Césaire. O curioso é que na mesma metrópole, París, foi onde el configurou os inicios deste movemento negro. Mesmo nos ámbitos universitarios lanzou a revista L"Etudiant Noir, que foi o vehículo máis axeitado para espallar a idea de integrar nesta plataforma de resistencia contra o colonialismo a millóns de negros. Cando Francia era a dominadora dunha parte importante do continente africano e asiático, engadindo a illa de orixe de Césaire, este home desde a súa ideoloxía comunista achegou unha enorme revolución concienciadora, consolidando a integración de millóns de negros.

Sen a Negritude non podemos entender os movementos de liberación nacional dos diversos países africanos, nin as revoltas dos negros estadounidenses contra a segregación racial. E toda esa acción emancipadora debéselle a este home radicalizado nunha postura de militancia política contra aquel outro radicalismo colonialista. E este acontecer, tan luminoso para tantos seres colonizados e explorados, dáse naquela Francia convulsiva da década dos trinta do século pasado. E nese rexurdimento, tan puntual como aglutinador, ten cabida a literatura e, talvez, sexa esta a que experimentou unha expresión de ruptura con aqueles modelos da literatura de alienación colonial. Un novo ciclo conmove tanto a negros como a brancos. O debate, a loita revolucionaria estaba servida. E neste parámetro engadimos a creación literaria e musical, que retomou acentos propios. Á medida que a Negritude se expande a obra de Aimé Césair constitúe unha das referencias máis asumidas e loadas polos literatos negros.

A Negritude é unha referencia de compromiso e dignificación dos africanos para volver ás raíces depredadas polo colonialismo. Aimé Césair foi o escritor en que a África convulsa está nos seus ensaios, no seu teatro e na súa obra poética. A súa poesía esclarece un novo rumbo ao ser utilizada como arma contra o colonialismo e dadora dun novo estilo de compromiso. Resultaría longo falar da poesía da Negritude que se perfilou no contexto da obra de Césaire. Mais aí están os matices e as frecuencias do intelectual martinicano presentes en diversos poetas negros.

En Occidente intentouse, desde un plano moi interesado, en limitar a Césaire co contrapeso de Leopold Sedar Senghor, outro dos intelectuais da Negritude. Mais os matices sobre estes dous intelectuais, desde Europa, nunca se teñen feito por intereses ideolóxicos. Césaire era un radical en varios conceptos asumidos por tantos dirixentes na loita contra o colonialismo, por iso había que silencialo ou mesmo tratar de confundilo, por parte da dereita. En troques, Senghor dentro da Negritude, era o perfil necesario que a burguesía da metrópole e mesmo a que emerxía nos países en vías de independizarse era o que precisaban. Senghor foi un moderado, un reconciliador entre colonizador e colonizado, mentor do neocolonialismo. Césair foi un rupturista nas loitas de liberación nacional e de clase.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía