logo opinion'O frío azul' 29.04.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957) manifesta certa tendencia en colocar relevantes persoeiros itinerantes que nos guían nas súas narracións. O frío azul (da colección Medusa, Sotelo Blanco, premio Manuel Lueiro Rey de novela curta 2007), revela o albor da terra griálica do Cebreiro, onde o cabaleiro Egas, fillo do señor de Doncos fai longa camiñada até os apousentos de Oseira. Unha especie de trotamosteiros, unha figura non superada de xograr ou goliardo que en vez de cítara leva espada e arrogante lingua en desafío contra monxes e novicios do císter. Procura falar co abade e percorrer cortellos, celas e celeiros, mais o labirinto enlousado de Oseira impón lindes. Mais a súa ousadía lévao e ese potencial monótono dun mundo á parte do que tiña en Doncos ou en Doiras. O mundo pechado de Oseira faino reflexionar sobre as andanzas de cabalería desde os montes ermos dos Ancares.

A peregrinaxe de Egas plásmase nesta narración, onde Caride articula un ambiente moi particular; onde a friaxe das pedras monacais e as mentes dos monxes proclaman pasado. A carga do pasado sobre o presente lévanos a diferenciar a arrogancia e a incompostura dun Egas que teima de ver ao abade, fronte a unha curia que procura non perder as formas ou manifestar o cálculo do peso das sombras medievais. O igrexario na súa propia rutina de urxencias e o cabaleiro dentro dese enorme "navío sen luces no fondo dos abismos".

Toda unha trama ben ordenada e salientada por Ramón Caride, da vida tan particular do mosteiro de Oseira. Unha historia que non lle é allea, por nacer e vivir case nos seus arentes; de oír tantas lendas e historias verdadeiras e moitas imaxinadas. Caride sitúase no que non lle é lonxincuo e alleo. Mais el ten que crear outra historia recreando o cabaleiro das itinirancias e facer críbel ao lector para que entre no humidal desas pedras e acreditar as temperanzas e as cobizas dos bastardos de Bernardo de Claraval. Pór o maxín a percorrer os sitiais e as xeometrías secretas da intolerancia e de exotéricos símbolos que en Oseira ficaron reservados e aínda respiran nesta ficción de Caride. A perda do anel que o abade lamenta mais o perfil desa suntuosidade asombran o señor de Doncos. Os poderes en contubernio e nun confronto dialéctico falan dos vellos símbolos medievais xa en desuso no século XVI, onde o narrador sitúa a súa novela. Isto posiciona os contendentes nun espazo e tempo que non lles corresponde, todas esas conxuras son mais típicas da idade medieval que da moderna. Mais este posicionamento, por parte de Moncho Caride, é correctísimo dado que el sabe e contempla que aquela clase de clero e de cabaleiros galegos estaban postergados en conceptos e arremedos dunha sociedade superada que eles conservaban fronte á modernidade. Velaquí a crítica que o noso autor fai ao destempo daquela sociedade que está noutro universo ben distinto aos acontecementos e aos primordios do século XVI.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía