xose 1200x230

 
Ben veñas, maio, con pan e con viño 13.05.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Unha das creacións poéticas máis interesantes das cantigas afonsís é a dedicada ao mes de maio, ao triunfo da primavera. No comezo de cada estrofa, Afonso X, eloxia atributos que no medievo se lle concederon a este mes. As advocacións á natureza e ao esplendor dos froitos polariza a idea total do que encarnaba o home agrario daquela época. Esta exhibidora imaxe de maio proxéctase baixo un panteísmo de ofrenda e gratitude. No noso tradicional refraneiro, sobre maio, aínda encontramos vestixios daquela tradición evocadora das Cantigas de Santa María, como esta escolla: "Ben veñas maio, o mellor mes de todo o ano" ou "Maio pardo, ano farto".

Que diremos da festa das maias en toda a cultura galega en que se manifestan atributos a esas figuras compostas con follas e a que se lle rende reverencia ao xermolar mais exaltador en que se pronuncia maio. As maias, citadas nas Cantigas de Santa María, proveñen daquela festa pagá dedicada á Flora. Os Ludi Florais dos romanos que o 3 de maio revestían as súas casas con flores, reactivaron moitas das manifestación labregas que aínda hoxe se practican en Galiza, como a que se facía até pouco o 3 de maio, día de Santa Cruz, poñíanse ramiños e cruces de loureiro en searas e viñedos para protexer os froitos.

No calendario poético que atopamos no Libro de Alexandro, século XIII, admiramos esta estrofa: "Estaba el mes de Mayo coronado de flores,/ adornando los prados de diversos colores;/ y cantando las mayas y cantando amores,/ espigando las mieses que siembran labradores".

A oferta interpretativa sobre maio en esculturas e miniados medievais teñen un enorme interese para interpretar a exaltación que se lle concedía a este mes. En Galiza só temos unha referencia nun capitel románico da igrexa de Santa María do Azougue (Betanzos), onde aparece un nobre cun falcón, practicando a arte de cetrería e un monteiro prestándolle servidume. Mais os miniaturistas presentan o mes de maio de dous xeitos diversos: o mes dos labores agrarios e da folganza. En varios libros de horas apreciamos unha serie de elementos que evocan dúas clases sociais: a dos aristócratas e a da plebe. Nos calendarios medievais de Viena, de Fulba, do Duque de Berry, do Duque de Bedford, do Misal do Arcebispo Alonso Carrillo de Acuña, do Breviario de Amor, do Livro de Horas de D. Manuel rei de Portugal e do calendario xudeu Seter Evranot (1716), os miniados convidan e loan escenas de cetrería, de festas e amoríos. Todo o ocio das clases nobres e burguesas exaltado e posto na acción máis espectacular que a arrogancia máis perversa exhibía.

No outro extremo das clases pobres estaba a evocadora perfección do labor agrario que os labregos realizaban en maio. E isto podémolo ver na iconografía románica de numerosos calendarios que perpetúan o mes de maio nas igrexas de Santa María de Nieva, de Beleña de Sorbe, de Santa María de Ripoll, na catedral de Tarragona e de San Clodio de Olivares (Zamora), atopamos toda esa vocación transformadora do home traballador transformando o seu medio e gratificándose cos froitos que a terra traballada lle produce. Isto non aparece nos libros de horas tan individualizados e gornecidos nas bibliotecas privadas da nobreza. En cambio, na iconografía dos capiteis e das cornixas románicas estaban presentes os meses do ano, anunciadores do que o labrego tiña que coidar e executar polo ben propio e dos que se apropiaban da súa produción. Nestas esculturas, a alegoría a maio ten moi diversas expresións do cotián de quen coñecía e trasfegaba coa natureza. Toda unha harmonía expresiva manifestada na plenitude desas enramalladas vexetais e dos seus froitos. Todo un cántico de xúbilo a maio e ás maias.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras