logo opinionA cultura do pan 20.05.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
Sobrio e rigoroso. Chégalle ao lector un libro da autoría do profesor, Xosé Lois Ripalda (Carballedo, 1940): A cultura do pan, publicado por Edicións Xerais de Galicia (2008). Conciso e suxeridor que nos transborda a tempos pretéritos, fundamental para entender todas esas nomenclaturas que fan referencia ao cereal con mais distinción na dieta dos galegos de todos os tempos. Este tratado de Xosé Lois Ripalda responde a unha investigación profunda, porque el coñece moi ben a materia que trata, dado que esas terras nobres, vellas e bieitas de Carballedo, dadoras de froitos eucarísticos de pan e viño, as coñece en todas as súas intensidades. Carballedo é unha terra repregada e fermosa entre o Faro e o Miño. Ripalda xa nos ofreceu belas historias de Erbedeiro, esa parroquia ribeirá entre Nogueira de Miño e Chouzán, onde a cultura viñateira floreceu e respirou os seus mellores hálitos de convivencia.

Da oferta do pan que produciron as terras de Carballedo emana toda unha cultura particularizada, extremadamente emotiva, que levou o noso autor a outras terras, a outras convivencias para entender dúas primacías esenciais como é a seara e o forno: alfa e omega de todo un labor extremadamente escrupuloso que os nosos labregos practicaron coidadosa e celosamente. Ripalda bebe e pescuda nesa tradición desde o sementar até o enfornar do pan, todo un proceso que para esta sociedade cada vez máis globalizada e nada preocupada en buscar memorandos da nosa cultura, emerxe este libro para incidir en todos os indicativos transcendentes da nosa cultura cerealista.

Mais neste libro de Ripalda, a súa terra nativa, Carballedo, que é un todo nos seus primordiais albores non é un final, senón que procura outras xeografías, outros entes comunicantes para revelarnos que Galiza é a terra do gran maná xurdido da terra xerminada polo esforzo do home. E nese esforzo de labregancia prima tamén a arte de elaborar a terra e convertela en promesa ventureira contra fames e catástrofes. E no que toca a artesanía do pan, referénciase a localidade ourensá de Cea, terra próxima a Carballedo, onde continúa a tradición de elaborar as famosas poias de trigo. Dos fornos de Cea escribiu un extraordinario relato o xornalista Ánxel Sevillano, titulado Historias do Canizo (1979). A cultura das panadeiras de Cea consta neste libro de Ripalda e, tamén, toman relevancia outros núcleos de bo pan facer.

A proxección mítica e ritual e aínda cerimonial que se concretou ao redor do pan cobra unha das maiores descubertas que se nos ofrenda neste libro. O tránsito é inaudito cando nos adentra nos refráns, nas cantigas populares e adiviñas referidas ao pan de centeo, de trigo e de millo. Xosé Lois Ripalda busca e rebusca e sempre procura nas lendas, nos dicires, nas curiosidades elementos para completar os seus estudos sen excesos e sen retrinques.

Non cabe dúbida de que na articulación de A cultura do pan se procesan unha serie de apeiros de labor, fouces, mallos; de transporte, carros. Formatos de medeiros, medas e palleiros. Artesas, tullas, hórreos e celeiros. Máquinas de mallar e formatos de muíños. Toda unha investigación etnolóxica de enorme importancia para lectores e futuros estudosos.

Tampouco se ignora a investigación antropolóxica que proclama excelentes incentivos sobre os labregos, artífices dunha cultura integradora que lle concedeu atributos á nosa diversidade cultural e expresiva.

Coido que neste caso, Xosé Lois Ripalda é consciente de reconstruír o que se perde ou o que xa se ten perdido. E isto é de agradecer cando proclama os códigos dunha cultura que as mudanzas temporais provocan a súa transformación ou desaparición. Este tipo de publicacións sempre serán dun valor considerábel no presente e no futuro.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía