logo opinionLembrando a Xosé Carlos Gómez Alfaro 27.05.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
Sempre lles sorprende a morte ociosamente aos que levan "no bico un cantar", dunha maneira frívola e desesperadamente brutal cando nos arrebata un amigo de lealdade ao país e tantas cousas nobres polas que merece a pena loitar, como fixo Xosé Carlos Gómez Alfaro, testemuña viva de tantas eficacias altruístas que merece a pena poñelas no noso dietario. Mais del queda o exemplo e esa palabra iniciática e redentora que soubo recollela do pobo e elevala nese luminoso facho da nosa liberdade aínda non acadada.

"Gómez Alfaro, guerrilleiro da noite alzada, atirador emboscado, vai deixando detrás súa unha poética do máis recoñecible. Elexiaca, social relixiosa, sempre solidaria e humana, dun extraño -para os parámetros vixentes- humanismo en que se mesturan palabras bíblicas con estoupidos persoais e todo a través dunha canle fluvial ampla como a vida, branca como a neve, fascinadora atal o viño da súa terra natal". (Vicente Araguas, dixit). Si. Foi un loitador incansábel cuxa arma foi a palabra, redentora e solidaria, coa que conformou esa arquitectura notábel que verificamos nos seus poemarios. Ese verbo circundante que nos leva aos mellores acentos da tradición poética do clasicismo latino. A palabra fornecida co pudor que el sabía aderezarlle; a súa particular voz de rigor e de conquista florecerá en vermello primaveral como un caravel. O seu humanismo latexa e pulsa, dimensionando esta nosa Galiza cara ás esencias máis vivas da nosa singularidade. Xosé Carlos foi un poeta íntegro que bebeu nese cáliz comunitario e del soubo compartir as esencias matriciais da nosa Terra. Así o expresou, nestes versos do seu libro, Confíteor: "Este é o meu longo cáliz,/ aquel que Ti me deches sen temor/ cando cheguei á matria dos enganos.// Non sei se o fun enchendo/ día e noite de golpes e clamores/ ou se xa viña todo acugulado/ de negrizos viacrucis pluriformes".

A presenza de Xosé Carlos Gómez Alfaro nos amplos parámetros da poesía galega actual abre unha fluída canle de auga refrescante e non contaminada. O seu compromiso forxado nun ideal en comuñón cos "bos e xenerosos" que alentaron cambios e propiciaron Patria integral e verdadeira que para eles dedicou estes versos seus: "polos que metrallaron tantos mártires:/ Bóveda, Quintanilla, Blanco Torres,/ Ánxel Casal, luceiros de irmandade;// polos que nunca pediron perdón,/ tezo na Compostela que me acolle/ esta pecha pregaria de saudade".

Coñecín a Xosé Carlos en Ribadavia -hai bastantes anos- nun congreso dedicado á presenza dos xudeus ribadavienses, servidor falou sobre Os xudeus nas Cantigas de Santa María, Gómez Alfaro recitou os seus poemas sazonados a rentes desas videiras e desa terra doce e mansa tan marcante na nosa cultura poética. Lembro que traía varios libros de poesía dedicados a min e chamoume a atención a súa humanidade e as maneiras de estar cos seus conterráneos do Ribeiro. Despois disto estivo no monte Faro chantadés, nunha homenaxe dedicada ao trobador Xohán de Requeixo. En varios actos que se fixeron en Chantada sempre foi puntual asistente e animador.

Xosé Carlos Gómez Alfaro fóisenos e todas as dádivas da súa equipaxe deixounas sementadas no Ribeiro, na Garda e en tantos espazos de Galiza, con certeza que van xerminar e florecer en delicados froitos. Mágoa que os galegos teñamos tanta demora en recoñecer os nosos poetas, sobre todo aqueles que fixeron o esforzo de reconstruír o noso país como Xosé Carlos, unha persoa que nos seus silencios soubo estar na vangarda, como bo tirador de dardos en verso. Desde As Chabolas nativas ribeirás até o Sadurnín de Cenlle, terra nativa da súa dona, repousa o poeta no celme da súa terra mentres a súa voz esgrevia continuará servíndonos de guía.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía