logo opinionGrãos, de Patrícia Tenório 17.06.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
A pernambucana Patrícia Tenório, esa dona e señora da escrita, sementadora de froitos esclarecidos que permanecen lúcidos e exuberantes, ofrécenos un título simple e evocador: Grãos (Editora Calibán, 2007, Río de Janeiro) onde a palabra, necesariamente, perpetúa eses dons narrativos, tan necesarios nos tempos que corren.

É verdade que en Brasil se puxeran en práctica moitas combinacións no campo narrativo. Digamos que os grandes escritores da lusofonía foron e son os brasileiros que procuraron recursos para ese enorme proxecto literario que manteñen vivo. Patrícia Tenório bebe desa tradición pero tamén sabe resolver os grandes problemas que ofrece crear unha narrativa vangardista. E neste mester, un narrador ten que ser moi hábil para resolver a serie de conceptos e riscos que se lle presenten.

Falamos dunha autora que practica a síntese; que sabe economizar as palabras xustas, as que lles dan un alto relevo de luminosidade e beleza á súa obra. Aquelas palabras que non dulcifican senón que impactan no lector; as que non perecen porque foron argumentadas para soster historias.

E a artífice soubo escollelas e colocalas nun espazo preciso e rotundo para testemuñar que o seu pensamento viaxeiro foi capaz de transmitirnos eses misterios que nos guían para discernir outros universos que nos rodean ou que nos custodian.

Patrícia Tenório é unha fértil creadora -no sentido máis amplo da palabra- que destila ese fragor de cambio, onde o conto e a poesía se mesturan en coidadoso equilibrio. E isto non é fácil pola estrutura que ofrecen estes dous rexistros compartíndose e non partillándose. A Patrícia sabe moi ben que o colaxe se experimenta en pintura e non en literatura. Por iso os concertos e os modos estruturais da creación que ela planifica son froito de procesos e captacións psicolóxicas.

En Grãos hai unha persistencia sublime en concibir mundos alén do que non existe, mais o xogo creado por Patrícia perténcenos porque son as palabras do noso cotián que se configuran nunha linguaxe aberta e diáfana en todas as súas transcendencias.

O don deste libro é a poética, a que se constrúe con versos sen ter a intención de que eles sirvan para abreviar a concepción das cousas. Os obxectos que neste libro se simplifican teñen unha linguaxe común que moitas veces non estamos habituados a recoñecela ou a dixerila, porque a autora superou lindes e barreiras co afán de buscar un refuxio no interior deses obxectos para superar as súas cadencias. Velaquí como a harmonía das cousas é revelada na súa precisa perfección. Ese universo sensible, depurado e harmónico, que encontramos en Grãos posibilita que a autora nos introduza nesa viaxe onde as palabras son o maior vehículo para renovar experiencias tan inseparábeis como as que conforman o imaxinado e o narrado.

Estamos ante un libro que é unha especie de templo órfico, onde os deuses máis ousados se refuxian nas palabras, nas dun longo uso e non nas máis desgastadas. Patrícia Tenório codifica universalidade cando fornece esas historias que sobresaen dos parámetros da ficción.

Estamos falando dun libro non unitario na temática, por iso o seu realce é máis complicado. Un temario independente doutro dálle ao conxunto do libro, quizais, mais dinamismo polo que se esclarecen e vitalizan esas historias tan fecundas como precisas.

Grãos é un libro de proxección que particulariza eventos nada transitorios e confirma, no plano da boa elaboración sen moldura, a lexitimidade dunha tendencia experimentada por Patrícia Tenório, un valor para referenciar dunha mecenas para non esquecer.

Porque Grãos xermola candor nesas historias feitas coa palabra das transparencias, tan destacada en metáforas e símbolos que nunca nos fará flutuar.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía