logo opinionHomenaxe á Quenlla 05.08.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
A Asociación Cultural Xohán de Requeixo de Chantada homenaxea o vindeiro domingo día 10 de agosto o grupo musical A Quenlla. A xunta directiva desta asociación estimou que o labor desinteresado de Mero e Mini, Mini e Mero coa Quenlla son merecentes dun recoñecemento público. Este grupo foi fundado por estes dous mecenas cunha finalidade: descubrir Galiza desde diversos parámetros musicais. Así pois a conxura inevitábel de volver ás orixes dos acentos propios e populares, exercendo como continuadores dese gran legado cultural que enriqueceu todo o noso medievo e, tamén, os anos escuros que Galiza estivo amordazada e moitas das súas expresións populares espoliadas. Mini e Mero saben moi ben que restituír significa normalizar, e normalizar equivale a continuar o destino trazado polos nosos devanceiros. Eles dous e o seu grupo non son inocentes, a implicación e a transgresión deles nunca é inocente nin pasiva. A presenza deses tons e sons que eles recolleron do propio pobo e engadiron no seu cancioneiro, tan particular, marcan mesmo a predisposición de reconstruír o noso país.

A nosa nación fornécese co cántico e nel restitúense os atributos que nos concedeu a palabra de ser diferentes. As diferenzas son un don natural onde o ser humano, en condicións adversas, foi capaz de crear o seu propio universo en función das súas necesidades. A nosa cultura musical é froito dunha necesidade material e espiritual. Volver a este principio tan orixinario é un acto de dignidade, cuxa finalidade é a de restaurar o que ten sido agredido e desprezado polos que utilizaron a "doma e a castración" de Galiza. Fronte a isto está o combate certo de Mero e Mini, cuxas armas son esas cordas tímbricas de zanfona, violín e guitarra, e nese concerto restitúense os acentos mais auténticos da nosa ancestralidade e proclámase a denuncia puntual contra os agravios e as desigualdades sociais.

A música e a cantiga son capaces de emocionar o noso espírito laico para confraternizar esa singularidade musical que A Quenlla nos ofrenda cando proclama batalla contra os que negan as evidencias de Galiza. Batallar contra tanta tempestade non é fácil e, sobre todo, cando se actúa dunha maneira filantrópica e desinteresada. Isto é o que fan eses dous seres de esveltas e fermosas barbas; un tenas punteagudas ao estilo calvinista e o outro de corte camoniano. Así é como o escenario é invulnerábel cando o cántico rexo e varudo perfila existencialismo e convivencia.

Digamos que Mini e Mero son dous investigadores da nosa música popular que procuran revelarnos esa saiva oculta para que admiremos as luminosas esencias populares. Nese florilexio, sobranceiramente noso, está todo un compromiso cun país, Galiza, que aínda é sobrevivente de tantos desaforos e de tantas desigualdades sociais. Digamos que é aquí onde a canción da Quenlla se fixo convivencia e habita entre nós. E dicimos isto en parodia evanxélica, advertindo da boa nova laicista que estes adversarios da música fácil e contrarios a impetuosos barullos programados para ser especialmente lucro das discográficas. A Quenlla non entra, felizmente, nese canon de vivir temporalmente da música. Eles saben que a música é un óptimo vehículo para revelar e esclarecer a un país nas súas máis diversas frecuencias e contradicións.

Esta transcendencia tan pouco habitual nun mundo onde todo leva un código de barras e cada quen ambiciona ter poder adquisitivo, vemos os da Quenlla participar en eventos sen cobrar un patacón e só co interese e predisposición de reconstruír nación, poñendo diñeiro do seu propio peto cando pagan o combustíbel do seu auto. Por todas estas razóns foi polas que a Asociación Xohán de Requeixo organiza no Hotel Mogay de Chantada un xantar solidario.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía