xose 1200x230

Santiago do Iguape, 12.08.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Os peregrinos baianos, sobre todo os galegos que viven no Salvador, abriron fenda entre as grandes facendas de cana de azucre, para chegar ao pobo de Santiago do Iguape, mesmo á beira do grande e caudaloso río do mesmo nome. Desde que as grandes autovías permiten que os peregrinos fagan o seu propio camiño por terra de poeira e mato tropical, os peregrinos cos seus alados sombreiros e mochila ás costas, cumpren coa súa promesa de devotos de Santiago, para ouros o apóstolo non deixa de ser o padroeiro do quita colesterol. Como todos os camiños van a Compostela, tamén os que van a Iguape comezan a ter efervescencia, e dado que a fe é tan ampla e profunda, onde cabe todo tipo de celebración e de auxilio persoal, os peregrinos fan camiño baixo os inclementes raios do sol brasileiro. Mais ao son das augas lentas do grande Iguape pode que axude a camiñar eses cincuenta quilómetros que separa o punto inicial da peregrinación até o propio templo de Santiago do Iguape.

Cando o peregrino chega a este templo, mesmo á beira esquerda do río, contémplase unha paisaxe, quizais máis africana que brasileira. Porque nesta terra fértil os facendeiros portugueses e especuladores de terras levantaron unha enorme igrexa con nave espectacular e liñas sinxelas, fachada do barroco portugués xa coas marcas propias do barroco baiano. Unha igrexa á medida dos que ían ter fe obrigada e ao son do chicote. Pois aquí cando os peregrinos chegan ás primeiras barracas, todas elas en fila, con dirección á igrexa, os peregrinos procuran silencio ante o alborozo de benvida dos nativos.

O pasado 25 de xullo o pobo de Santiago do Iguape estaba en festa dupla, todos aqueles descendentes de escravos poñían a súa roupa humilde mais de gala para celebrar a seu padroeiro. Desta vez tamén celebraban os catrocentos anos da construción do templo. A veciñanza vai tomando apousento dentro da igrexa e outros contemplan as mansas augas do Iguape, coas súas canoas cargadas de froitos que procuran os beirais do río. Dá a sensación de que os que cruzan a inmensidade desta auga realizan outro xeito de peregrinar. Aquí tamén asentou unha colonia galega, un dos peregrinos dicía que el nacera en Iguape e seu pai era de Redondela, emigrante a principios do século XX. As marcas do colonialismo son o maior oráculo de que aquí o sangue correu desmesurado polas veas e fóra delas. Quizais o facendeiro que creou esta igrexa baixo a advocación de Santiago, ninguén sabe se mata indios ou mata negros, e impuxo o seu primeiro poder, a crueldade dunha relixión que tiña o fanático convencemento de ser a única e verdadeira na orde de establecer o seu propio clasismo espiritual.

O pobo de Iguape non estaba ese día para discutir de tempos pasados e de escravitude dos seus proxenitores africanos. Os máis afortunados levaban unha camisa conmemorativa dos catrocentos anos da fundación da igrexa e por iso estaba alí o cardeal arcebispo de Salvador, primado do Brasil, revestido de pomposa solemnidade e acompañado de máis de corenta cregos, o desfile eclesiástico era unha especie de apoteose e desafío. Os oficios relixiosos aos que asisten os negros sempre son sorprendentes polos seus cánticos e polo movemento das súas ancas que parece que o espírito dos orixás mobiliza eses corpos curtidos polo traballo cotián.

A festa foi grande e apoteótica dado que os nativos esclarecen moitos dos segredos que se esconden en Santiago do Iguape, todos se senten orgullosos de nacer baixo a protección de Santiago, pero quizais ese Santiago peregrino que está no alto do presbiterio ollando ao río como protector dos que peregrinan nas canoas por esas bastas augas, teña algunha entronización dalgún orixá, quizais de Xangó, a deidade que señorea a xustiza e o lume.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras