xose 1200x230

O reiseñor e o paporrubio de Podente 26.08.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

De todas as aves que teñen rondado e cercado a miña casa de Podente, pode que dúas delas me teñan impactado dunha maneira moi singular e sen protocolo previo. Lembro aquel 19 de outubro de 1996, que eu estaba con mágoa polo pasamento da miña estimada amiga, Aurita García Carreira.

Eu chegara de Barcelona para asistir ao seu enterro o día 20. Aquel 19, abrín a casa e sentei debaixo da figueira e as súas follas murchas caían como pesadelos sobre a lámina cincenta da azotea, con certos quebrantos de outonada, cando os froitos se dan en entrega e as follas caídas sempre anuncian o ciclo das colleitas maduras.

No apego daquel silencio a solemnidade dun cántico de esperanza no bico dun reiseñor, connotaba emoción e promovía tanta sabedoría existencial que non me deixou un oco para esquecer aquelas estróficas alegorías; aquel axigantado arrechouchío sapiencial deixou pegada nos meus sentimentos.

O reiseñor da miña figueira esfollada, co peso das sombras da outonada e dun sol con decadentes raiolas precipitaba as miñas ansias en desvelar aquel trino tan equilibrado en dozura, pausas e ritmos. Non sei que foi daquel reiseñor das conmocións e dos presaxios, agardo que deixara prole para asegurar o seu cántico maior ou o seu himnario luminoso.

O reiseñor cantou naquela tarde cansada e de loito pero sen tebras, cando as follas ruxían na súa unción deixando a figueira espida. Todo era metáfora non presentida, mais o cántico daquela ave portentosa e fráxil algo me dicía, como se subliñase que o tempo cabalga de présa e o que vale nas desventuras da vida é cantar, aínda que sexa un réquiem incomprendido pero sempre solemnizado cando as raiolas cansadas anuncian invernía. Non souben máis daquel reiseñor, ánima inmorredoira que sempre asocio coa alma xenerosa da amiga Aurita.

Nestes días de estío a miña figueira ofréceme o mellor das súas dádivas: sombra, para aliviar canseiras e desafiar o sol que incomoda a miña calvicie. Ese tapiz de sombras é impagábel, e gusto das sombras e desde elas o pensamento debrúzase sobre a "negra sombra" rosaliana para buscar a metafísica da nosa ancestralidade.

E entre a espesa follaxe da figueira aparece un espelido paporrubio, lucindo plumaxe de estrea e coa última pelame que o aqueceu no seu niño. Un paporrubio co seu brasón en peito esgrevio e pulido. Pero tan inocente como incauto que non receou de min e se foi achegando até os meus pés.

Os seus proxenitores daban berros de alarma transmitíndolle que estaba ante un ser feroz, capaz de destruílo; advertírono de que estaba ante o peor dos animais máis destrutores. Moitas experiencias deben ter eses miúdos e rebuldeiros paporrubios cando sonorizan esa alerta e precaución ante a miña inmobilidade. Toda unha aprendizaxe de alertar os seus confiados descendentes. Eles saben que o ser humano é un monstro devorador e sempre hai que estar alerta.

Ese ser tan sensíbel e pouco precavido dos perigos que se lle aveciñan comeza a piar, a exercer o seu cántico rudimentario mais que o axudará a erguer o gorgolexar da primavera en cántico único e común.

Á sombra da figueira e escoitando cánticos breves desas criaturas, como son os paporrubios, merece a pena sumarse ao que se perpetuou até nós e que tanto deles ignoramos e desprezamos. E o que tanto deles precisamos para ser máis felices e menos violentos.

Precisamos desa escolanía de reiseñores e paporrubios; do trino de todas as aves das que gozaron os nosos trobadores de antano, que tan ben configuraron as súas trobas, que foi protagonista a nosa paxarada.

Paxaros que os ilustradores e iluminadores de libros de horas colocaron con paixón as acrobacias e os ritmos que se perpetúan no noso Cancioneiro medieval.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras