logo opinionAs vellas usanzas de Brollón 02.09.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
A Pobra de Brollón é unha terra histórica e mítica con distinguida personalidade que se amosa nos antigos foros reais concedidos por Sancho IV a finais do século XIII. Brollón tivo procuradores e Consello de Patricios que se reunían cada domingo á sombra dun impetuoso piñeiro onde discutían e tomaban acordos sobre asuntos do común.

As terras de Brollón era un espazo notábel feito á medida das necesidades e das esixencias dos seus habitantes. Unha desas nosas pequenas xeografías que se diferenciaba doutras comarcas veciñas como era a chaira de Lemos. O conde de Lemos tiña devecidas pretensións de vasalaxe por someter a Brollón para beneficio propio e imporlle a carga de tributos naquel confuso e conflitivo século XV.

Os de Brollón negáronse a pagar os inxustos tributos e toda a veciñanza xuramentouse en defender as súas atribucións instituídas e o Consello de Patricios resolveu empuñar as armas en defensa dos seus dereitos fronte ás aspiracións do conde de Lemos.

Ante o xesto de administrar a súa propia xustiza, os da Pobra de Brollón non contemplaron as esixencias do conde de Lemos, este convocou a seus arqueiros, besteiros e peonada e invadiu as terras de Brollón, someténdoas á súa obediencia e obrigacións e, tamén, a non poucos insultos como sempre acontece cos vencidos.

Un deles era o pexorativo alcume de guímaros con que os de Lemos definían os vencidos de Brollón. Eu quero interpretalo como teimudos, por esa rabiosa teima de amar a súa propia terra, tan ben definida na súa singular personalidade da tan concreta xurisdición que amosou atribucións que se destacan no Diccionario Estadístico-Histórico de España (1845) de Pascual Madoz.

Pois aínda esta terra ascendente -onde se olla o fondal da chaira lemosa como se fose feita á medida de sentinelas defendéndose dos oprobios feudatarios- e, tamén, emerxente por ser un territorio irmandiño aínda hoxe, que cultiva enxebres tradicións, tan ilustradas como dinámicas que harmonizan esa distinción xeográfica da que se nutre Galiza na súa diversidade cultural e, no seu candor popular.

En Brollón protéxense e espállanse as tradicións tan particularizadas no seu universo existencial como son as mallas. As mallas da parroquia de Salcedo non son só unha exhibición para turistas ou para atraer festeiros senón o rescate dunha tradición que non hai moito que esmoreceu en toda Galiza. Promover o pasado é estabilizar o noso presente e configurar todo aquilo que é noso e que nos pertence, non deixa de ser un recaudo de exaltación da memoria e das prácticas herdadas daqueles convivios populares que deixaron selo e pegada.

Ante a autenticidade desas mallas, onde cada persoa ten unha ocupación ben individualizada, moitos foráneos poden pensar que todos eses labregos están escenificando unha acción parateatral. O que están realizando é ese ritual das mallas ancestrais, a golpe de mallo e, tamén, con máquina, ese artiluxio da industria do século XX.

O que ocupou escenario foi o grupo teatral Voltaedalle, nesa ardorosa e imprescindíbel paisaxe de Salcedo, en plena alucinación nocturna, representouse a obra: Pan. Xa pola tarde Pepe Penabade deu a voz: "malladores á eira!".

E nesa interrelación de dous escenarios ben diferentes pero unidos polo pan, os catro actos arredor da malla, desenvolveuse unha crítica polo que se perde das nosas esencias e, tamén, pola deshumanización do que tantos anos permaneceu vital para a nosa economía, administrada polos propios labregos.

Pan é unha obra escenificada polos actores Comba Campoy, María Lado, Pepe Penabade, Alfonso Romeo, Pepe Soto / Luis Iglesia, Mini e Mero. A presenza destes dous músicos-cantores da Quenlla, dosifican ese cántico esgrevio e crítico cargado de vitalidade popular.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía