logo opinionDecadencia do hábitat rural 16.09.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
Nos meus días nugalleiros de verán reflexionei sobre a desfeita de tantos hábitats desteitados e esborrallados que eu observei na miña parroquia de Merlán. O abandono multiplica a desorde desas ortigas e silveiras que depredan o nobre granito que deu quecemento a múltiples xeracións que ordenaron o medio rural e mantiveron viva a identidade galega. A fuxida de quen os habitou para outros espazos máis centralizados, incoherentes e de plena dependencia e subordinación, que operan nas cidades e nas pequenas e medianas vilas. A idiosincrasia dese microcosmos aldeán pode chegar a desaparecer física e culturalmente. E se facemos uso da memoria lembraremos que o punto álxido da vida labrega, artellada á medida de múltiples necesidades, respondeu a unha dinámica funcional que ese particular mundo rural esixía.

As paredes desas casas abandonadas teñen unha linguaxe fúnebre e tan reveladora que nos impoñen unha reflexión moi particular e inmediata para facer balance do que representou para Galiza esa conxuntura identitaria que agora se derruba. As aldeas comezaron a desarticularse economicamente desde hai séculos. Sobre esa economía rural, tan particular, non se protexeu xuridicamente, para manter unha tipoloxía ordenada e dentro duns parámetros consistentes onde a produción agrícola estivese dentro dunha orde dinámica, capaz de crear riquezas para quen as producía. Mais o problema desa decadencia rural débese a excesos intolerábeis que a propia administración percibiu e nunca alertou do desastre. Digamos que ás administracións sempre lles interesou cobrar rendas, foros, impostos e consumos sen dar nada a cambio, nin un simplísimo consello ou orientación e cambio progresista.

Neste sentido, o vello problema que os nosos ilustrados do século XVIII tanta énfase puxeron nesas denuncias tan desoídas como represaliadas ante os motíns e as revoltas que os nosos labregos mantiveron ante os que lles negaban a súa emancipación. E isto xerou emigración: principio deshonesto da nosa gran desfeita, unha especie de seguridade social que os propios sen terra asumiron irremediablemente. E todo isto podémolo contemplar moito antes dese século, mesmo nos albores da "doma y castración de Galicia y bajo el rigor del castigo, sin libertad y en pobreza", tal e como dixo o cronista Zurita.

A emigración foi a sangría e a alienación que proclamou desarraigo e evitou unha revolución campesiña que noutros territorios como Cataluña se tiñan dado e con pretextos menos explícitos dos que se xustificaban en Galiza. A emigración desde finais do século XIX até a década dos setenta do século pasado tiña como dato de urxencia a de ingresar diñeiro nas arcas do Estado e desintegrar Galiza como comunidade articulada con atributos propios como o idioma que non deixaba de ser un estorbo ás ideas españolistas. Así que se creou outra doma aparentemente sen violencia, mantendo o mundo rural na máis desesperada pobreza.

É innegábel que as carencias e os abusos foron dous elementos que imperaron na discriminación dos que máis achegaron ao noso país. Nas vilas e nas cidades, que se nutriron da rapina aldeán, articulouse ese tecido caciquil e de castas que converteu a vida do rural nun asoballo ilimitado.

As secuelas do pasado teñen impacto nese abandono que frecuentemente vemos neses entes de poboación, como son as aldeas, con casas esborralladas que manifestan o caos da vida e das tradicións labregas. A falta de proxectos conquistaron ruína e éxodo emerxente. A carencia de tecnoloxías no agro foi unha cuestión que ignoraron os caciques provincianos, subordinados aos intereses de Madrid, e deste xeito perdéronse enerxías e batallas pero aínda non a dignidade que exhibimos.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía